Opinión | tribuna del lector

Maximino Cacheiro Varela

Señor das letras

Tencionaba facer unha escolma sobre fauna e flora na poesía galega como unha exaltación á terra nosa a través das vivencias persoais dos poetas que con maior sensibilidades expresaron os seus sentimentos. Entrevisteime co meu amigo D. Paco para que me asesorara e tivera a xentileza de facerme un limiar. Expreseille o meu requirimento: "Non vai ser un limiar ao uso (non quero que fales de min), senón un texto poético sobre as túas vivencias emocionais da terra galega, porque tes unha vea poética que aínda non explotaches". Así foi. Escribiu un fermoso limiar lírico que reservei como primeiro texto da futura escolma.

Por motivos varios non puiden levar a cabo o proxecto, fíxose cargo del a profesora de Francés Dores Valcárcel Guitián (coa colaboración da bióloga María Valcárcel) con coñecemento disciplinar e vivencial profundo nese eido. O froito do traballo, "Flora e fauna na poesía galega". Escolma e glosario que ven de publicar a editora Toxosoutos, feito con paixón, foi magnífico. Combinouse a sabedoría filolóxica e a emoción ecolóxica. Aparecen os nomes científicos de cada planta e animal, o nome galego cos seus sinónimos, así como o nome en español, inglés e francés. Xunto cun moi interesante e erudito glosario. Rastreou toda a poesía galega desde os cancioneiros medievais até a actualidade. Aquí están Rosalía, Pondal, Curros Enríquez, Aquilino Iglesia Alvariño, Noriega Varela, Manuel María, Uxío Novoneyra, Méndez Ferrín, Fermín Bouza Brey, entre moitos outros. Tamén D. Francisco Fernández del Riego. No seu texto, Don Paco revélase como un magnífico poeta nun canto extremado de amor a súa terra. Que libro mais fermoso para homenaxear as letras galegas no 2014 e a Francisco Fernández del Riego, un dos bos e xenerosos que se entregaron de corpo e alma á cultura de Galicia. Un auténtico señor das letras galegas.

Tracking Pixel Contents