Opinión
CARLOS FERRÁS
O futuro de Galicia? Cara onde imos?
A crise demográfica galega é incuestionable; as proxeccións optimistas do Instituto Galego de Estatística sinalan que perderemos ata 300.000 habitantes nos próximos 30 anos. Debemos considerar que dende o ano 1975 a poboación galega entrou nun proceso de declive ata adquirir saldos negativos netos no 1986, pois no dito ano o seu movimento natural faise recesivo e continua deste xeito ata a hoxe en día, case que dúas décadas despois, debido á caída da fecundidade, con tan só un fillo por cada muller en idade fértil, aos escasos nacementos ao cabo do ano, con 7 nenos por cada 1000 habitantes, e a un forte incremento da mortalidade por avellentamento, con 11 falecementos por cada 1000 habitantes por ano. Xa non se produce o reemprazo xeracional e non fumos capaces de fixar a poboación xoven nin de atraer novos habitantes. Atrás quedan os tempos cando os galegos e galegas emigraban fuxindo da escaseza que a sociedade rural tradicional e a insuficiente industrialización lles brindaban. Na actualidade Galicia sofre as consecuencias da súa historia e se amosa como un país fortemente avellentado cun promedio de idade da súa poboación xa enfiando os 50 anos e unha longa espezanza de vida. Asistimos a un cambio demográfico que require ser valorado en todas as súas consecuencias.
Galicia ten mudado a súa estructura demográfica pero tamén económica e social durante os últimos 30 anos, deixou de ser unha sociedade xoven, rural, tradicional, illada, atrasada e sen capacidade de goberno para converterse nunha sociedade avellentada, cada vez máis urbanizada, mellor comunicada, máis industrializada, cun desenvolvemento tecnolóxico como nunca coñeceu, e con institucións de goberno propio. Por tanto, debe ser neste contexto de modernización no cal debemos interpretar a atual crise demográfica e o futuro dos galegos e galegas. Amais, debemos ter en conta que Galicia non é allea ao avellentamento que coñece Europa, seguemos as pautas, pero temos o problema engadido de que non somos capaces de xerar emprego suficiente nin de atraer inmigrantes, temos unha alta dependencia de subsidios e pensións e a poboación dependente de parados, xubilados, estudiantes e pensionistas comeza a superar á poboación ocupada que desenvolve un traballo e paga os seus impostos. No 2013 os datos do IGE deixan constancia de que temos 913.000 afiliados á seguridade social para 2.765.000 habitantes; é dicir 1 traballador cotizando por cada 3 habitantes.
Sen embargo hai que ter presente que a observación do mapa de Galicia nos permite comprobar que a demografía é moi diferente segundo o lugar, bisbarra ou espazo en cuestión. No contexto xeral do comportamento demográfico recesivo de Galicia acontece un proceso de despoboamento rural xeralizado e se percibe un cambio social que vai dende o rural do pasado cara a un presente e novo futuro urbano. Non debemos esquecer que non toda a xeografía de Galicia amosa unha demografía recesiva. Novas áreas rurais na periferia das principais cidades e as vilas cabeceira de bisbarra xorden como polos de vitalidade demográfica. Preséntansenos diante dos nosos ollos interrogantes chave que requiren respostas. Cal é o proceso de cambio? Que significado ten? e como condiciona o futuro social, económico e cultural de Galicia? Os cambios foron ou son previstos? Unha Galicia actual en recesión demográfica, ocupada nos servizos, dependente, avellentada e en declive vital; Cara a onde pode ir? Requerimos argumentos que nos permitan comprender o cambio e imaxinar un posible futuro.
Para logar incrementar a fecundidade, evitar o éxodo dos xóvenes e asegurar a prestación de servizos públicos ás persoas maiores Galicia necesita ser un lugar atractivo para vivir, onde existan oportunidades e un mercado de traballo activo e un lugar onde a súa poboación perciba unha calidade de vida e sexa capaz de interpretar críticamente o seu pasado e de planificar o seu futuro. Non se pode afrontar a crise demográfica sen non definimos en positivo un proxecto colectivo e ilusionante de país. Teremos que afrontar a planificación social, económica, demográfica e de calquera tipo asumindo que a crise demográfica en realidade reflicte un proceso de cambio. Galicia xa non obedece a un patrón de sociedade rural e atrasada pois a urbanización, o desenvolvemento económico e a desagrarización teñen sido dominantes nos últimos 30 anos e diante dos ditos cambios se requiren innovacións.
Os nosos gobernantes terán que definir concretamente cales son as actividades básicas para o desenvolvemento económico de Galicia nun Plan Estratéxico definido de "abaixo cara arriba", no que a sociedade civil seña protagonista coas sua participación activa. Refírome aos movementos de base veciñal que poidan movilizarse a prol do futuro da súa comunidade e dos seus fillos. Requírese cambiar as vellas formas de facer política no país de "arriba cara abaixo" e buscar novas formas de comunicación e participación; para o cal hoxe en día temos as tecnoloxías da comunicación e da información e a fluidez das comunidades virtuais e redes sociais. Dito Plan Estratéxico para o Desenvolvemento de Galicia deberá estar en harmonía coa indicacións da Unión Europea e a súa Estratexia 2020 de procurar territorios inclusivos no social, intelixentes no tecnolóxico e sostibles no económico e ambiental, e deberá ser o documento marco que determine todas as demáis figuras de planificación, ordenación e planeamento territorial como poden ser as Directrices de Ordenación do Territorio, os Plans Xerais de Ordenación Municipal e calquera Plan económico sectorial. Os galegos e galegas temos que respostar preguntas do tipo: de que queremos vivir? que queremos ser? que podemos producir? para quen? onde? de que forma? onde están os mercados para os nosos productos? quenes son os nosos competidores? con que recursos contamos? Dito Plan Estratéxico deberá contar con avaliadores externos alleos á burocracia e ao sistema e partidos políticos propios, que observen o cumplimento dos obxectivos e a execución dos orzamentos.
Tamén é importante concebir a Eurorrexión de Galicia e do Norte de Portugal como un mercado e non como unha institución política. Debe ser unha oportunidade para buscar mercados complementarios e oportunidades de negocio, tendo en conta que case acada os 6,5 millóns de habitantes. Debemos respostar á pregunta: Que beneficios pode obter o cidadán galego se colabora cos cidadáns do Norte de Portugal?. As redes colaborativas deberían extenderse a todos os sectores económicos e á sociedade civil pois non pode quedar nun mero ente de colaboración e boa vontade política entre alcaldes, presidentes de cámaras municipais, concellais, vereadores, concellerios ou reitores universitarios que se reunen periodicamente para administrar os recusos alleos que lles chegan da Unión Europea. Debemos preguntarnos: e se Europa non pon os cartos non existe a Eurorrexión? - se non existe para que serve?
Debemos aproveitar as potencialidades dos capitais humanos e sociais dos emigrantes galegos. Tecendo redes de colaboración e facilitando as mobilidades e contactos de empresarios, de xente nova, de intelectuais, de estudiantes, etc., en todos os sentidos. Esto pode ser unha porta aberta á diversidade e ao cambio nas mentalidades, á innovación e á creatividade. Eses descendentes de galegos son potencialmente consumidores dos nosos productos. Os irlandeses sabeno moi ben e teñen sido capaces de vender a súa música, os seus alimentos, a súa cultura, paisaxe e os atractivos do seu país aos 40 millóns de descendentes de emigrantes irlandeses que hai nos Estados Unidos. Por que non facemos nós o mesmo?
- Divertículos en el colon: Qué son, cómo prevenirlos, sus síntomas y opciones de tratamiento
- Ahora muchos lo ven claro en el PSOE: Lastra fue 'borrada de Ferraz' por la denuncia del 'puterío' de Ábalos... y Cerdán tomó el poder
- Calleja se despide de Cuatro en Galicia alabando a los gallegos y su gastronomía
- Síntomas para descubrir a tiempo la enfermedad más mortífera y difícil de diagnosticar
- El conocido punto de venta de drogas de Vigo que da problemas cada semana
- Ni dolor de espalda ni hernia discal: los signos de alarma para sospechar de un tumor vertebral
- Ilaix firma por cuatro temporadas
- Evacuados en helicóptero una niña y un adulto de urgencia desde las Islas Cíes