De todas as películas que vin ninguha me estremeceu a alma como aquela que en España foi traducida por "Capitanes intrépidos". Podo decer, na vellez, que esta é a película da miña vida. Morreu Mickey Rooney, o derradeiro representante do elenco de actores da obra cinematográfica que agora evoco con emoción. Mickey Rooney, no cine, foi rapaz cando eu era meniño, e así o recordarei sempre. Todos esperaban que Mickey, ao se facer maior, sería unha máquina xesticuladora e explosiva como James Cagney. Pro non: foi se acomodando ao estatus de jokey ancián, o cal me entristecía. En "Captains courageous" sae, magnífico, Spencer Tracy no rol de mariñeiro portugués (Manuel) que educa Freddie Bartholomew segundo a novela previa, home non, de Rudyadr Kipling.

O mariñeiro portugués entrou na miña vida para nunca sír dela. Quero explicar que esta película foi difundida en España, non en 1937, ano da súa filmación, senón, por razóns dimanantes das guerras, ben máis tarde. Manuel, o mariñeiro portugués, tanxía un extraño instrumento (para min) na película nos intres de vagar abordo. Preguntei aos que sabían máis ca min e todos coincidiron en que aquilo era unha zanfona, ou sanfona, ou santoña. Francisco Cerviño encarreiroume ao Museu de Pontevedra para eu me documentar. Alí había, nunha mostra, unha zanfona de ventre plano. A que tocaba Manuel (Spencer Tracy) tíñao abombado e como taraceado.

No filme, Manuel cantáballe ao meniño rico consentido pro en estado de reeducación, unha canción que, na versión castelá, tiña o retrouso de "ay, mi pescadito no llores ya más?" Coincidiu, daquela, que me puxen a estudar a Geografía General del Reino, de Galicia, de Carreras Candí. Viña un capítulo sobre música popular galega. Alí estaba (poden vela) unha partitura baixo o título de "Ribeirana". Tecleeina no piano e saíu, exacta, a canción interpretada por Manuel, o portugués, en "Capitanes Intrépidos". Spencer Tracy cantaba e tocaba, nunha zanfona, a nosa Ribeirana. - isto ocorría nun film de Victor Fleming que está na historia da cinematografía. Teño contado o caso, máis ninguén me deu razón. Descanse en paz Mickey Rooney. Os demais participantes en Captains? xa morreron todos. Só quedamos algúns espectadores. Algúns, sen sabermos o por que da zanfona e da Ribeirana nesta película. Sería culpa de Hal Pereira.