A mediados do século XX a industria papeleira da Península Ibérica comezou a empregar a madeira de eucalipto para fornecer a demanda mundial de fabricación de papel. Dende a década dos anos 50 en Galicia, debido a unas excelentes condicións climáticas (temperaturas mornas e altas precipitacións), comezáronse a estender os cultivos monoespecíficos ou mixtos de Eucaliptusglobulus. Miles de hectáreas de solo forestal foron destinadas de xeito practicamente exclusivo ao cultivo do eucalipto destinado única e exclusivamente á fabricación de pasta de papel. Porén, este afán repoboador non foi acompañado de políticas de ordenación do medio rural, nin de estudios de mercado, ni de planificación territorial, nin de análises de impactos, de xeito que os eucaliptos comezaron a agromar en zonas costeiras e de montaña, en vales produtivos e terras ermas, en espazos naturais protexidos, sobre zonas dunares ou humedais, substituíndo a especies forestais autóctonas ou a cultivos agrícolas. O proceso de "eucaliptización"discorreu da man da incapacidade da administración para xestionar un novo sistema de produción. O problema non é, evidentemente, do eucalipto.

A nosa comunidade é o principal produtor español de madeira de eucalipto. Córtanse ao ano unha media de 3,5 millóns de m3 (datos de 2010), o 45% de toda a madeira tallada nesta rexión. Porén, a pasta de papel é a rama de actividade menos relevante polo número de establecementos presentes en Galicia. Só hai unha planta de produción de pasta de papel e unha de transformación. O seu peso na economía reduciuse do 0,5% ao 0,3% no decenio 2000 e 2010. O sector forestal e madeireiro da comunidade foi perdendo importancia na economía galega e esta mingua acelerouse nos últimos anos. En 2000 representaba o 3% e en 2009 caeu ata o 1,8%. Se esta industria representa algo menos do 2% da economía, o peso de emprego ascende ata o 2,3%, (Datos do Instituto Galego de Estatística (IGE)).

Na última década, o incremento da superficie ocupada polo eucalipto e o descenso da capacidade das fábricas españolas, da orde de 405.000 toneladas (Informe Aspapel 2011), foi acompañado dun descenso do prezo da madeira do eucalipto. Percíbese un exceso de oferta nun contexto de contracción do consumo.

O informe sobre a mellora da capacidade forestal en Galicia realizado o ano 2012 pola Asociación de Becarios da Fundación Barriés olicitado polo presidente da Xunta de Galicia, pon de manifesto que é necesario mellorar a eficiencia tanto na xestión da superficie (especialmente nos montes veciñais en man común) coma na simplificación de trámites administrativos, e que a produción e xestión comercial de produtos do bosque (froitos, resinas, colmeas e outros produtos non madeireiros con casos de éxito recollidos no informe) ou novos usos dos produtos madeireiros contribuirían ao obxectivo de revitalizar o sector.

A industria papeleira insiste en convencernos de que os nosos montes so renden como monocultivos de eucalipto. Galicia, é moito máis. Galicia tamén é terra de madeira de calidade, de carballos, bidos e castiñeiros, porén de érbedos, freixos e codesos, de porco bravo e esquío, de lobo e bubelas, de alvarizas, de castañas e zarrotas, e mesmo de lendas e tradiciónsvencelladas profundamente aos hábitos de vida do medio rural. O que non é Galicia, dende logo, é un país para coalas.