02 de abril de 2014
02.04.2014
tribuna del lector

Campamento na Illa de Ons

02.04.2014 | 04:04

Estamos a comezar o mes de abril. Tivemos un inverno duro e é de supoñer que a zona do barrio de Pereiró, onde a Xunta monta os Campamentos de verán para rapaces de entre 6 – 15 anos, estea nun estado deplorable.
Sería conveniente que a Consellería de Traballo e Benestar, encargada dos Campamentos, conxuntamente con Parques (Consellería de Medio Ambiente) tiveran unha reunión para deliberar sobre o mantemento desa zona de Ons que, nos últimos anos, coido que non tivo a limpeza adecuada para desenrolar nela os Campamentos.
Creo que Ons é un todo e como tal, os responsables dos distintos organismos que teñen competencias nela deberían coidala, pero, uns polos outros, e a Illa, zona do Campamento, sen arranxar adecuadamente.
Antes era a propia Xunta (distintas Consellerías ao longo do tempo) a que se preocupaba dese cometido e tiña un equipo de traballo, case o mesmo todos os anos, que se encargaba do seu mantemento e así, chegada a Semana Santa, xa comezaban as tarefas de limpeza e coidado de toda a zona, co que, a mediados de xuño o terreo onde se ían a instalar as tendas de campaña e os seus arredores, estaban nun estado impecable, só había que comezar a montaxe e a preparación do comedor e cociña, o que traía que, o día primeiro de xullo, comezo dos Campamentos, todo estaba en perfecto estado de revista para albergar a case 200 rapaces de Campamento e 30 de Campo de Traballo.
Nos últimos anos todo cambiou. A Consellería desfaise da problemática contratando a unha empresa. Esta realiza o labor de limpeza uns días antes de comezar os Campamentos, provocando que o saneamento integral da zona non sexa o adecuado, quedando os arredores nun estado penoso, lugares por onde antes os rapaces xogaban e desprazábanse dunha zona a outra. Este desinterese na limpeza vese agravado ao quedar o Campamento ao carón da transitada corredoira que leva aos lugares máis visitados de Ons: Miradoiro de Fedorentos e ao Buraco do Inferno, polo que todos os visitantes poden comprobar o penoso estado deste contorno.
Todo é mellorable pero á Consellería correspondente só lle preocupa que todo saia ben, aínda que as condicións non sexan as adecuadas. Se sae ben a Consellería leva as medallas, se sae mal, a culpa nunca é deles, senón da empresa que leva o mantemento. A ver se este ano vemos un responsable de Xuventude controlando e responsabilizándose da limpeza e montaxe e a Parques colaborando.
Deixo para unha segunda parte o tema das actividades. Ons ten unhas características, históricas-etnográficas-naturais que xunto coas agrícolas e pesqueiras darían moitísimo xogo para realizar actividades lúdico-didácticas no Campamento.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine