Tourém (para os galegos arraianos, Torei ou Turei) é unha freguesía do concello trasmontano de Montalegre que en xullo de 1936 debería de ter uns cen lares acesos. Por algunha razón que descoñezo, a fronteira pega en Turei unha reviravolta e fai que, ao pé do río Salas, Portugal entre en forma de chavello ou dente canino nas carnes das terras galegas que España detenta. Iso si, Turei, pobo (sic) excepcional, áchase ben comunicado coa rareza histórica que é o Couto Misto. Para acabar de complicar as cousas, recordareilles que Turei, parroquia portuguesa, dependeu do bispado de Ourense até un intre, que eu non sabería precisar, do século XIX.

Foron varias as poboacións fronteirizas do Portugal trasmontano que acolleron refuxiados galegos en 1936, a pesar da situación política que rexía en Lisboa durante a Guerra de España. Turei destacou en solidariedade. Sábado pasado, a Fundación Peña Novo puxo en Turei outro fito no seu Roteiro Lois Soto. Vieiros da memoria. Descobriuse un monolito en homenaxe aos veciños de Turei que protexeron os galegos que fuxían do terror a partir de xullo de 1936.

De forma especial, recordamos a Lois Soto Fernández. El foi o líder principal da UPG primitiva, e segue a ser inspirador de toda a práctica e de toda a teoría independentista galega que utiliza o marxismo e o leninismo como guías para a acción. Agora que a Semana de Filosofía de Pontevedra vai celebrarse en torno á idea de Revolución, aconsello moito aos que queren saber os secretos do funcionamento do mundo que participen no convivio. Alí sentirán como Lois Soto se reconstrúe a él mesmo.

Nas rúas de Turei, hoxe, conviven o comercio e a cría de gando excelente. Turei é posibelmente a poboación máis elevada sobre o nivel do mar das que existen en Portugal. Se as cortes, os falados, as lareiras, as eiras, os palleiros de Turei falasen ouviriamos a crónica das victorias a desfeitas dos pobos galego e portugués que foron acontecendo ao longo de douscentos anos. A nós tocounos louvar o pobo de Turei mobilizado en axuda das víctimas de 1936. A carón do monolito que memoriza aquel tempo, érguese outro no que se produce en bronce, que ben podía ser ouro, o máis belo poema á Patria que nunca fora en portugués escrito. O seu autor é Miguel Tonga. A próxima etapa do Roteiro Lois Soto será Castrelo de Miño. Convocounos Xosé González Martínez, da Fundación Lois Peña Novo.