Con certeza, todos os cinéfilos han de lembrar a célebre fita. En 1968, Tony Richardson forneceu unha versión moito más crítica, ao tempo que tamén máis cercana á realidade dos feitos históricos; así e todo, "A carga da Brigada Lixeira" permanece nas nosas meimiñas desde esoutro film dirixido, en 1936, por Michael Curtiz e con Errol Flynn, Olivia de Havilland e David Niven nos roles protagonistas.

A carga de cabalaría, pois, que glorificara Tennyson e que retrucou, corenta anos máis tarde, Rudyard Kipling, describindo, para vergoña dos seus concidadáns, as condicións de miseria nas que vivían os supervivintes do combate: "Our children's children are lisping to 'honour the charge they made'./And we leave to the streets and the workhouse the charge of the Light Brigade".

Por máis que considerasen anquilosado, con moi poucas posibilidades de futuro..., cando non directamente absurdo, o Imperio Otomano, británicos, franceses e piamonteses decidiron apoialo na desputa aberta que aquel mantiña coa Rusia dos zares. Pedro I chegara xa ás beiras do Báltico; con Catarina II, as tropas imperiais puideron darse un prolongado baño nas augas do mar Negro. De non faceren nada -iso pensaron os gobernos de Londres e París-, a frota de Nicolau I cruzaría, sen oposición, Bósforo e Dardanelos, flamexando as súas bandeiras por todo o Mediterráneo: demasiado desafío como para permaneceren cos brazos cruzados! Foi así como aquel 25 de outubro de 1854, os case setecentos xinetes británicos cargaron contra a infantería rusa no Val da Morte no medio e medio da batalla de Balaclava. Balaclava, por se alguén precisa refrescar a memoria, forma parte na actualidade de Sebastopol. - Sebastopol forma parte, evidentemente -en realidade, trátase da capital histórica- da República de Crimea.

Dito/escrito está que a política internacional nunca se pode improvisar; en realidade, constitúe toda unha herdanza que non hai forma nin xeito de poder rexeitarmos. "Non podemos deixar que Rusia se apodere da vella Constantinopla e dos estreitos", explicaba Winston Churchill. "Sen embargo, toda Europa precisa dos moscovitas: desde hai séculos -precisou- non só constitúen o noso seguro de vida diante das invasións de todos os bárbaros procedentes das estepas asiáticas, senón que incluso foron quen de sometelos, reducilos á obediencia e atravesar Sibeira deica a Vladivostok. Por iso é necesario, mal que nos pese, asinarmos acordos con eles. Iso si: gardando sempre unha pedra oculta na outra man". Reiteremos: dito/escrito está que a política internacional nunca se pode improvisar, pero... acaso coidan Vdes. que David Cameron leu como lle cómpre a Churchill?

Pactar primeiro cos ingleses -cousa máis que difícil, iso tamén- para que non interveñan e, de paso, non acudan onde os seus curmáns da outra beira do océano; anular logo os franceses, xa sexa polas boas ou polas malas. Desde aí, coas mans libres por completo, espallar o mundo ario ao longo das ribeiras do Danubio e mais os seus afluentes; pero sobre todo atravesar como lóstregos Polonia e asentarse, señores delas, nas chairas, nos campos inacadables, na planicie sen fin de Bielorrusia e Ucrania: velaí o arelado destino, o soño magnífico da (agora restaurada) Grossdeutschland rexida por Frau Merkel. Nin que dicir ten, un relato ben coñecido; mais tal parece que nel volvamos andar, non si?

Si: talvez coubese outra posibilidade, antes que anunciar un novo sitio de Sebastopol: "finlandizar" -con licenza do vocábulo-; "finlandizar" esa Europa centro-oriental que,como unha anguia, sempre esvara das mans. "Finlandizar" Polonia -á súa vez, sempre a consideraren en Varsovia que os Champs-Élysées e mais eles veñen ser pura carne e uña-; "finlandizar" Hungría, Romenia e mesmo Bulgaria; "finlandizar", en fin, a propia Ucrania. Pero, vale, xa sei: de onde tirar os cartos? Quen está disposto a romper a remexer nas huchas e boetas? Convencidos de estaren aínda a tratar coa Rusia de Boris Ieltsin, a UE e mais os norteamericanos seica entenden que é posible estirar o paraugas da Otan sobre os ceos de Kiev (e de Minsk!) sen que no Kremlin ninguén levante unha cella ou pete na mesa. Pero non; poida que non se trate xa do poderosísimo arquiinimigo de outrora, o demo vermello dos peores pesadelos; non obstante, a Rusia de Putin non é a Rusia dia Ieltsin. Nunca máis. Que facer? Está claro: media culler de teatrillo ("estudaremos as medidas a tomar") e quilos e máis quilos de Realpolitik!

Mentres, polos Madriles adiante, os netos de Ramón Serrano Suñer xa o teñen claro: tal e como o seu avó, apenas lles falta subiren ao balcón da secretaria xeral do "Movimiento" e berraren que "¡Rusia es culpable!" Iso si: a ver cantos voluntarios son capaces de xuntar desta volta para a (rediviva) División Azul. Vaiche boa, Vilaboa!