Xacando, Deus, Noso Señor, revelóuselle en soños ao faraón e, con solemne rotundidade, ameazouno cunha reste de calamidades, se non accedía a liberar o seu pobo.

O faraón desoíu o mandado de Deus, e o Todopoderoso, inmisericorde, botou sobre aquel territorio, unha tras doutra, dez maldicións.

A primeira cebouse coas augas. Da noite para a mañá, os ríos Lérez e Castro baixaron pexados de madre. Os encoros alteraron o caudal dos fluentes e o devalo mirrou as troitas do couto. Non satisfeito, ordenou Deus o asolagamento de todiña a ribeira, porén, consternado polas bágoas dos suplicantes, demorou, sine die, o cumprimento da súa fetua.

O Demo, á espreita, xogou ben as súas cartas, dispuxo senllas turbinas e dotou de luz eléctrica baiucas e lupanares.

A segunda asañouse co vento. Da noite para a mañá, o monte do Seixo ergueuse cribado de rechiantes andaviras, máis dun cento. O aire volveuse tolo e, na insania do remuíño, o val sumiuse na destemperanza.

O Demo, ao asexo, xogou ben as súas cartas, deseñou un aparello estático de indución electromagnética e surtiu de electricidade casinos e cidades da cultura.

"Y vio Dios que la luz era buena" e, mesmo El, adquiriu a bo prezo un lote de accións de Gas Natural-Fenosa.

A terceira praga aburou a terra de labor. Da noite para a mañá, a agra de Cerdedo enverdeceu inzada da chamada "peste australiana" e a cada corta, dun cepo nacían seis pés; e a cada queima, dun chamizo rebentaban por ducia, sendo peor o remedio ca a enfermidade. O labrego deixou de ter pan de seu e escaseou a boa sombra onde se gorecer.

"Y vio Dios que era bueno" e coordinou o plan Infoga e despois o Pladiga, e a forza de afogueirar, a piques estivo de deixar o Demo sen traballo.

O Demo, ao abesullo, xogou ben as súas cartas, non contento co vizo do eucaliptal, espallou a Rede Natura e aconsellou vivamente erradicar as carballeiras.

A cuarta tomouna cos montes. Da noite para a mañá, as montañas amañeceron coa tripaxe de fóra e, batuxando no baldío, unha lexión de dóciles indíxenas afanouse na ripa dos engumiños.

O demo, atusmante, xogou ben as súas cartas, escolleu as pebidas de coltán, pagounas a carto e amoreou as escouras no fondal da fochanca.

A quinta abateuse en forma de chuvia de formigón. Da noite para a mañá, o horizonte apareceu rabuñado por un camiño de ferro que, sostido por anxos, lanzaba a xente a 5.833'33 metros por segundo, sen tan sequera minorar nas curvas.

Ao agacho, o Demo, que era de Bouzas, xogou ben as súas cartas, albiscou as bondades do progreso e colleu moza en Madrí, na puxante parroquia do lado.

A sexta praga sobreveu como poalla de alcatrán. Da noite para a mañá, o horizonte volveu aparecer garduñado con outro viaduto, e os anxos xa non sabían que atender.

O Demo, osmón, xogou ben as súas cartas e, aínda que prefería refocilarse nas rotondas, empregou a variante para ir mercar o pan a Soutelo.

A sétima turbiou dos nativos o sentido da vista e, dende aquelas, desposuídos de norte, os propios desfiguraron as súas chozas con leitadas de morteiro hidrófugo (revestíndoas máis tarde con "ponipiedra"), insinuando así que os seus antepasados viviran na inmundicia.

O Demo, á esculca, xogou ben as súas cartas, aprendeu axiña, e abriu unha fábrica de colchóns na cerrada do Sangal, para substituír os vellos cancelos pola versatilidade do somier. Os expertos denominan estoutra vangarda "feísmo".

A oitava aplacou as ansias reprodutoras dos aborixes e, decimada e avellentada a poboación, os fértiles abandonaron o lar na procura de parella coa que tirar do carro da hipoteca.

O Demo, guichador, xogou ben as súas cartas, e decatándose do moito que minguara no adro a cota de pecadores, cancelou a conta da caixa e abriuna no Facebook .

A nona inspirouse na coñecida mensaxe profética "Se non queres caldo, sete cuncas". - durante lustros e décadas, malia as epidemias e andazos que, inexorábeis, mortificaban este malfadado lugar, o guiadiño electorado, nin de vivo nin de morto, soubo endereitar o rumbo e a abulia enraizou de tal xeito que hogano é parte da paisaxe.

O Demo, sentinela, xogou ben as súas cartas e, vendo que facer oposición non era cousa de proveito, acabou pactando con Deus, por aquilo de garantir a gobernabilidade.

Finalmente, a décima praga, a derradeira, acaeceu tal e como prognosticaran os agoiros. A comezos do ano V, a axencia de noticias Europa Press facíase eco dunhas esclarecedoras declaracións do goberno local, ao respecto da refundación do contubernio "Encelnosa" no concello de Cerdedo: "Es cierto que tenemos solicitudes de otras empresas para instalarse en nuestro municipio, pero una empresa nueva, del tipo de Celulosas, que quisiera montarse allí, que no contaminase y que cumpliera todos los requisitos medioambientales, claro que estaríamos dispuestos y necesitados. Hay que decirlo así y ser valientes". Palabra de Deus.

Non cabe dúbida, o Demo metérase a xornalista.