Pasaron dez anos desque a inxusta ondada dun ataque ao corazón tronzase a existencia de Xela Arias, cando apenas contaba con corenta e un anos. Unha década sen Xela, a poeta, tradutora, editora e profesora que na eclipse das certezas indagou con teimosía na procura de novas cartografías. Agora, no pouso dos afectos, lembramos a súa presenza fráxil, cun aceno de melancolía nos seus ollos grandes, a súa voz dóce iniciando unha conversa intelixente, afastada de calquera banalidade. Lembramos a súa vontade de reinventarse cada día, ao xeito dun Loud Reed feminino, cando escribía textos para "Desertores", o grupo musical dos irmáns Díaz, ruando por aquel Vigo dos afectados e narcisos oitenta, que ela definiu como "cidade revolcada", unha das metáforas máis acaídas para definir o noso volcán de dinamismos, que tamén sabemos cidade de fronteira, onde non é difícil esculcar os límites tan imprecisos do pracer cos da dor. Lembramos as súas intervencións literarias nos días de luz con Darío, cando presentou o seu libro ("Darío a diario", 1996) sobre a experiencia da maternidade, empregando unha palabra decidida e precisa, matizando a súa actitude vital de desesperanza esperanzada, unha resistencia activa que tinguiu a súa obra poética de intuicións intimistas na súa loita contra o desacougo. Lembramos os textos dunha poeta esencial que indagou no territorio incombustible das palabras e nas contradicións do amor, da vida e da sociedade. Lembramos á creadora que asumiu a absoluta incerteza e a fraxilidade da súa empatía co ser humano e co seu destino.

A conmoción inicial que supuxo o seu prematuro pasamento suscitou numerosos artigos literarios e unha emocionante homenaxe en Vigo, o 29 de maio de 2004, organizada pola Asociación Galega de Editores, a Asociación de Tradutores Galegos e a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Homenaxe que se prolongou poucos meses despois no libro colectivo "Xela Arias, quedas en nós" (Xerais 2004), cuxa edición correu ao coidado do seu pai, o tradutor Valentín Arias, magoadamente desaparecido hai apenas dous anos.

Homenaxes literarias que salientaron a importancia da dimensión autoral de Xela, comprometida cunha poesía que nas súas palabras "debe indagar e cuestionar a orde das cousas" e das propias linguaxes; poesía que para ela "sempre é temeridade, incendio", considerando que a función da autora "é cuestionar o que hai precisamente para dar pé a construírnos mellor". Traxectoria poética individual, singular, desubicada xeracionalmente, rabiosamente urbana e contemporánea, caracterizada por "camiñar ás aforas" na procura do seu propio camiño, en palabras de Ana Romaní, "escrita a golpes como os golpes marcan a violencia do noso existir". Unha escrita poética na procura da independencia, que asume, como sinalou no seu derradeiro poema (inédito) que "a única dependencia desexable, a tolerar" é "a constelación do afecto".

Homenaxes que non esqueceron a sua condición de "muller do libro", traballadora de Edicións Xerais de Galicia durante unha década, enraizando alí na ramallada dos libros que escribiu e traduciu, mais tamén dos libros que foron arxila editorial nas súas mans, detalle, forma e estilo. Referencias que non esqueceron a súa dimensión como esixente tradutora para o galego de textos literarios como "Dublineses" de Joyce, "O derradeiro dos mohicanos" de Cooper, "O bosque animado" de Fernández Flórez, "Drácula" de Stoker ou o "Spleen de París (pequenos poemas en prosa)" de Baudelaire.

Porén, dende aqueles primeiros reencontros de 2004 coas cartografías de Xela Arias, abordados desde a dor e desde a vida, moi pouco se ten feito pola restitución e redescuberta da súa obra literaria. Os seus catro poemarios éditos quedaron xa fóra da voracidade do noso mercado literario actual, "Denuncia do equlibrio" (1986), "Tigres coma cabalos" (1990), "Darío a diario" (1996) e "Intempériome" (2003). Coma "Lilí con pistolas", o libro que presentou sen fortuna ao Esquío de 1986, que nunca chegou a editar, ou os poemas que publicou en xornais (sobre todo en "Faro de Vigo"), revistas ("Luzes", "Festa da palabra", "A Nosa Terra"?) e libros colectivos. Secasí sucede co seu relato "Que si que si", incluído no volume "Contos eróticos/Elas" (1990), co que iniciou un vieiro tan prometedor na ficción.

Urxe unha edición da poesía completa de Xela Arias, reunindo a súa obra édita e dispersa (e mesmo quizais a inédita). Urxe que as tres facultades de filoloxía galega promovan investigacións e traballos críticos sobre unha autora que non se compraceu, que nunca se aliou, convencida que "vencerse é cousa de se tratar" (un dos seus versos máis inquedantes). A Real Academia Galega debería considerar a súa candidatura para un dos vindeiros 17 de maio.

bretemas@gmail.com