28 de octubre de 2013
28.10.2013
segunda feira

Os mellores colexios

28.10.2013 | 00:56

Para a maior parte de nosoutros, os galegos non xeógrafos, Rois é un concello que vai do de Padrón ao de Lousame e no que, alén das belezas paisaxísticas, non hai cousa especialemente resaltábel. Non sendo un restaurante en tempos moi frecuentado polas clases económicamente favorecidas das Terras de Iria e Compostela.

Hoxe Rois é famoso no mundo cultural e educativo porque alumnos de tecnoloxía do seu colexio público gañaron un importante premio internacional que conceden en Holanda. Moitas persoas consideran que o ensino privado, maioritariamente en mans de ordes relixiosas ou sociedades católicas, é superior ao que ofrece o Estado e que hoxe se encontra administrado pola Xunta de Galicia.

Todos os anos resulta demostrado que non é certa tal crenza. As olimpiadas de matemáticas, física, ciencias naturais e outras competicións semellantes son gañadas maioritariamente por alumnos de institutos e non de colexios con ideario católico e, nalgúns casos, con discriminación de sexo (no libro de estilo desta columna prohíbese a palabra "xénero" por anglicismo enmascarado, coa acepción de "sexo"). Igualmente, cando vemos na prensa noticias dos premios extraordinarios de bacharelato indefectiblemente ocorre que a maioría dos alumnos e das alumnas sobresalientes son alumnos de instituto.

Se facemos listaxe dos mozos e mozas galegos que están neste intre a traballar en centros científicos de investigación científica de avangarda (lamentábelmente en Xenebra e outros lugares estranxeiros) vemos que eles foron formados básicamente no ensino público. A lenda neoconservadora e neoliberal segundo a cal a empresa privada sempre é máis eficiente que a pública é aplicada neciamente por veces ao ensino, e mesmo ao sistema sanitario.

Por parte, os nenos e as nenas de Rois son fillos dunha comunidade falante do galego, o que non constituiu atranco ningún para acadar a máis alta competencia en materia científica-técnica.

Parabéns aos alumnos de Rois. - parabéns ao Xavier Méndez Zunzunegui, o seu profesor de tecnoloxía, antigo alumno do Instituto Santa Irene de Vigo.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook