Agonizaba Francisco Franco ao tempo de el deixar nos cumios do Estado o actual Rei Pescador. Se alguén tiver curiosidade por saber o porque do alcume que lle apuño a Juan Carlos, non terei inconveniente en intentar unha divagación artúrica, ou sexa, do ciclo bretón para explicalo. Desde 1972 a oposición antifascista en Galicia non cesaba de medrar. Amolecía o carrillismo, pero xurdían formas novas de teoría e práctica. Especialmente no eixo Ferrol-Compostela-Vigo. Apodrecía, digo, Franco en 1975. Estaba índose, e marchaba como viñera: matando. En agosto a Policía asasina, en Ferrol, o mozo vigués e antigo alumno do Instituto Santa Irene Xosé R. Reboiras, da UPG. O 1 de Maio, sempre de 1975, LCR e PCE (m-l) convocan unha demostración no Troncal, Vigo. Un elemento da Garda Civil desfechou o cargador da nove longo regulamentaria e matou o traballador de FENOSA Manuel Montenegro Simón. Logo formaríase unha causa fraudulenta na xurisdición militar. Apareceron procesados Xosé Humberto Baena e X.L. Sánchez-Bravo, antigos alumnos do Instituto Santa Irene de Vigo e membros do FRAP. Pelotóns da Garda Civil e da Policía Nacional foron encargados de fusilalos, en compaña dos vascos Txiki e Otaegui, o 27 de setembro de 1975. No consello de guerra, por acaso, figura o vigués Ventura Pérez Mariño como avogado defensor dunha encausada que, grazas a el, salvou a vida. O Instituto Santa Irene, aloxado temporalmente en Coia, no curso 1974-75 é fechado por orde gobernativa. Os únicos institutos de ensino medio que sofriron unha sanción deste tipo no franquismo foron o citado de Vigo e outro de Eibar, segundo me conta o meu vello amigo Xorxe, das máis puras xíneas de Castreliño (Freixeiro).

Xa acabado 1975, e quizais meténdonos no ano seguinte, estourou en Urzaiz unha manifestación que foi reprimida a tiro de bola de goma. Unha bola de goma percutiu na testa de Elvira Parcero, moza transeunte, e ela resultou morta. Véñenme á cabeza aquel tempo do final do franquismo que moitos intentan presentar como pacíficos e amabeis. - non foron iso.

Quixera, neste 27 de setembro, lembrar a xeración de Baena, Reboiras, Sánchez-Bravo, que soubo resistir contra a ignominia.