Tras catro fracasos, tres consecutivos, e un cento de millóns de euros gastados en xestión (publicidade, viaxes, lobbies?) e máis de seis mil cincocentos millóns en infraestruturas (case unhas vinte veces o que custou a Cidade da Cultura do Gaiás compostelano), a candidatura do Concello de Madrid a celebrar uns Xogos de verán debería asumir o seu fracaso olímpico e nun exercicio de realismo desistir da súa angueira.

Desque en 1965 o alcalde Carlos Arias Navarro (o que pronunciou o histórico "Españoles: Franco ha muerto") presentara a candidatura para os Xogos de 1972, que se se celebraron en Múnic, Madrid nunca foi capaz de convencer cos seus encantos e argumentos ao centenar de membros do Comité Olímpico Internacional. Unhas veces foron as circunstancias políticas, outras as dificultades de seguridade e, nas últimas ocasións, a permisividade española sobre a dopaxe e a cultura do xogo limpo, as principais feblezas atopadas para explicar o feito "incomprensible" de que non fose escollida a candidatura madrileña fronte a de cidades como Londres (2012), Río de Xaneiro (2016) e Toquio (2020). Fracasos que, porén, non disuadiron a recuncar na tentativa a uns promotores, vinculados sempre co Partido Popular, movidos (probablemente no seu inconsciente político) a emular e superar o éxito rotundo daquela Barcelona 92 de Pasqual Maragall (tamén de Jordi Pujol e Felipe González), capaz de transformar coa organización dos Xogos toda a cidade e de presentar ao mundo unha imaxe moi atractiva de Catalunya como un país europeo moderno e cosmopolita.

Na reunión do sábado en Bos Aires, as intervencións de Samaranch Jr., Pau Gasol e do príncipe Felipe (que tamén presentaba a súa candidatura a unha rápida sucesión), non abondaron para presentar o sentido e a singularidade do relato da candidatura española nin para agochar o deterioro actual da imaxe internacional de España. Abonda con seguir os medios internacionais de referencia, como "The Wasington Post", para entender que o fracaso de Madrid 2020 ten moito que ver coa imaxe dun país que, "a pesar do optimismo da súa poboación", é incapaz de solucionar politicamente as súas tensións territoriais e afrontar as súas lacras da corrupción política e das maiores taxas de desemprego da Unión Europea. Eis o fracaso do proxecto da mal chamada "Marca España", agochado de forma sistemática pola burbulla oficialista dalgúns dos xornais madrileños, capaces de vender un encontro de Rajoy e Obama, que durou menos dun minuto e tivo lugar nun corredor das reunións do G-20, como un aval do presidente estadounidense á política de reformas do goberno popular e sinal inequívoco de recuperación económica española.

En Bos Aires, o equipo de asesores de Mariano Rajoy soubo do sabor do pan que coce o demo. Deseñaron a segura elección de Madrid 2020 como unha escenificación internacional da saída da crise e da confianza dos investidores e dos mercados na "Marca España", así como unha válvula de escape capaz de ocultar o escándalo de Bárcenas, que presupón o financiamento ilegal do PP. - coma se estivese ao pé do castelo de Soutomaior diante dos mandos do partido en Galicia, o presidente galego sacou peito e na tribuna do Hilton bonaerense leu un discurso que presentaba a España como "o gran éxito económico do mundo" (si, o que leron). Por desventura para el, os membros do COI, que mantiñan dúbidas sobre a credibilidade da candidatura española, axiña as despexaron diante de semellante ataque da perigosa doenza de triunfalismo. O fracaso de Bos Aires deixou a Rajoy como aquel rei nu do conto do traxe novo do emperador de Andersen.

Mais non nos enganemos. O fracaso olímpico das candidaturas de Madrid é apenas o dun modelo político e económico baseado na construción con inxentes cantidades de cartos públicos de grandes instalacións e infraestruturas, na cultura do espectáculo e nas actividades de baixo valor engadido. En definitiva, como tamén sucede co proxecto de Eurovegas, auspiciado polos mesmos políticos madrileños, na aposta por un modelo económico baseado nos sectores da construción e do turismo, que se amosou como unha das principais causas da crise actual.

Coma un xeito de xustiza poética, a decepción do Madrid 2020 obrigará ao Goberno de Rajoy a enfrontarse con severidade e maior dedicación aos problemas reais. En primeiro lugar, ás portas da diada do 11 de setembro, á repercusión internacional da reivindicación independentista (Catalunya achega o 18% do PIB español, o 25% das exportacións), na que é probable se abra unha posibilidade de negociación no marco europeo. En segundo, a abordar a modificación do modelo produtivo capaz de reducir unhas taxas de desemprego que se agoira se manterán por riba do 20% ao longo da década, o que non axudará á comprometida redución do déficit. Cómpre abandonar os elefantes brancos de grandes estadios e arquitecturas efimeras e substituílos por investimentos en educación, sanidade e innovación, prioridades de calquera estado moderno que pretende recuperar a sensatez.

bretemas@gmail.com