Dos Ancares ao Baixo Miño, de Monterrei ao Barbanza, do concello de Navia de Suarna ao do Rosal, de Ourense a Compostela, de Xinzo a Cotobade, de Cualedro a Boiro, de Lousame ás Neves, de Nogueira de Ramuín a Ribeira, do río Miño ao Xallas, do Sil ao Tambre, da Galicia da montaña á da beiramar, da atlántica á cantábrica, outra volta arde Galicia.

Durante as últimas semanas de agosto, coincidindo coas temperaturas por riba dos 30 graos, a humidade por baixo do 30% e soprando o vento do nordés a máis de 30 km/h repetiuse o temible "triángulo dos 30" que provocara aqueloutra vaga de incendios forestais de 2006 que arrasara segundo datos do CSIC case 92.000 hectáreas. As lapas con inusitada violencia volveron invadir os nosos montes. O lume arruinou outra parte do noso patrimonio natural e histórico, ademais de provocar considerables perdas económicas para as comunidades de montes que os padeceron. Os datos non poden ser máis esclarecedores. En apenas dez días o lume arrasou 6.000 hectáreas (o 75% da superficie perdida ao longo dun ano iniciado cun inverno e unha primavera húmidos) en sete incendios declarados de nivel 1, os de máximo perigo pola súa proximidade a zonas habitadas ou semiurbanas, como os que afectaron a Velle e A Lonia, na proximidade de Ourense ou o rexistrado no polígono industrial do Xarás de Ribeira. Lumes devastadores como os de Oia (1.850 hectáreas calcinadas) ou Cualedro (máis de dúas mil), que afectaron a terreos forestais, mais tamén a eidos agrícolas e a espazos patrimoniais, como a emblemática rota dos muíños do Folón das parroquias de Martín e Fornelos, ou ao petróglifo das Portaxes, no Monte Tetón en Tomiño, que garda o gravado rupestre de círculos concéntricos máis grande de Europa. Lumes que obrigaron a centos de persoas a desaloxar as súas casas e eidos e as veciñanzas a axudar a combater o lume o mellor que puideron en interminables noites coa alma nun fío. Lumes que puxeron a proba durante moitas horas aos cadros de persoal dos dispositivos de extinción, mais tamén que supuxeron a factura elevadísima que conleva o despregue dos seus medios aéreos e terrestres de extinción. Aínda que semelle melindroso repetilo, cando arde o monte perdemos todos e moito.

Diante da impotencia provocada por semellante lacra, arrastrada dende hai décadas, cómpre atopar as razóns que expliquen que non exista aínda unha estratexia compartida por toda a sociedade galega para erradicala de vez, asumida dende as súas elites políticas até a veciñanza de cada unha das parroquias e recantos do país. Cómpre preguntarse se é inevitable que, ano tras ano, arda o monte en Galicia con semellante fereza? É posible rebelarse contra ese fatalismo paralizante que asume que cada certo tempo os galegos padeceremos unha cota máis de "catástrofe" (en forma de nova marea negra ou incendiaria) até a destrución total do país de noso?

Non son só "tolos pirómanos" e o temible "triángulo dos 30 (temperatura, humidade e nordés)" os únicos responsables desta nova vaga de incendios. As políticas forestais e agrarias, a actual despoboación do medio rural, así como os modelos de prevención e extinción utilizados, teñen tamén o seu peso e importancia nesta desfeita. Máis en concreto, as mudanzas establecidas este ano pola Consellaría de Medio Rural no seu Plan de defensa contra os incendios forestais, que recupera o papel das brigadas municipais (desprofesionalizadas e reclutadas con discrecionalidade polos concellos) e pon en marcha os grupos de emerxencia supramunicipais, semella que están provocando múltiples problemas de descoordinación e fragmentación no dispositivo, denunciados polos sindicatos. Como tampouco axudou moito nas tarefas de combate co lume a diminución drástica do cadro de persoal de Seaga, a empresa pública de servizos agrarios, afectada tamén polos recurtes.

A existencia dun trama incendiaria organizada debe ser desbotada, a pesar de ser citada decote tanto polo actual delegado do Goberno como polo presidente Feijóo, a quen é inevitable lembrar en 2006 fotografado coa mangueira de xardín na man empregando os incendios como parte da súa mercadotecnia electoral. As investigacións independentes amosan que nun 90% a orixe dos lumes radica na acción humana, arraizada na cultura forestal do sistema agrario tradicional de Galicia. Un problema moi complexo, con profundas raíces sociais, que non admite simplificacións nin solucións milagreiras. Razón pola que o monte (como todo o o medio rural por extensión) necesita respostas políticas a longo prazo, que vaian máis alá dos custosos programas de extinción (cen millóns de euros por ano), que comezan a estar xa en mans privadas. Incidir cada vez máis nas medidas orientadas á prevención e á sostibilidade das actividades agrarias semella o camiño imprescindible para evitar que Galicia continúe ardendo.

bretemas@gmail.com