13 de agosto de 2013
13.08.2013

Eu vou

MARUCHI GARCÍA*

13.08.2013 | 08:04

O vindeiro sábado 17 de agosto hai convocada aquí en Moaña unha manifestación que partirá ás 19:00 horas dende a praza de abastos. A marcha conta co apoio de numerosas organizacións políticas e veciñais dos cinco concellos do Morrazo. E, ó meu ver, a cousa non debera parar aquí.

Como traballadora do tema legal observo con especial preocupación o desmantelamento dos dereitos e beneficios socio-laborais conquistados durante anos a base de leña nas rúas, represión, moito esforzo e da perda de máis dunha vida. Aí témo-la anulación de máis dun milleiro de convenios laborais da que máis se debera falar. Do mesmo xeito, de forma irremediábel teño que me preguntar onde vai o sindicalismo hexemónico e se este non formará parte tamén do engrenaxe do sistema.

Por tanto, perante desta situación, somos a veciñanza de Moaña e da comarca os que temos que saír ás rúas arroupándonos coas organizacións máis activas e responsábeis do Morrazo. As razóns que atopo pra acudir a esta convocatoria son múltiples e variadas. A nosa provincia ten a taxa de paro máis elevada de Galicia (25%), o paro xuvenil supera o 50% e só entre os concellos de Bueu, Moaña e Cangas superamos amplamente os 7.000 desempregados. Síntome indignada, seguramente como a meirande parte de vós, de ir pola rúa ou abri-los xornais e non mirar máis que xente estafada polo goberno, polos bancos, por Facenda,... Que por certo, estarán o 17 agosto na nosa praza de abastos desexando marchar por Moaña posto que eses colectivos tamén promoven esta mobilización como non podía ser doutra forma logo de seren roubados coa complicidade e o concurso imprescindíbel do goberno que tería que ser, precisamente, quen lles ofrecese as solucións. Banca e institucións, neste sistema, sónchevos o mesmo. Uns mandan e os outros executan a través do teatro do parlamentarismo pra que pareza democrático.

os medios a min que non me falen de se Rajoy lle saíron tetiñas ou de se non sei que lideira teñen en Gibraltar. Todo trapalladas pra desvia-la atención sobre a corrupción ou o problema do paro que está traendo graves problemas sociais. A xente estase a suicidar por culpa da manga ancha que se lle dá aquí ós bancos que non deixan de apertar sen piedade a clase traballadora con hipotecas inasumíbeis, os embargos e cos desafiuzamentos. Nin coa xente máis humilde lles treme o pulso pra poñer a calquera familia na rúa. - o que é peor: amparándose na lei que temos.

Señoras e señores, como non imos saír á rúa? O 17 na praza de abastos. Eu vou.

*Veciña de Moaña

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine