08 de julio de 2013
08.07.2013
Faro de Vigo
Campo de Granada

Todos co sector naval

MANUEL BRAGADO

08.07.2013 | 00:00
Todos co sector naval

Desque a comezos da década de 1890 regresara a Vigo José Barreras Massó, xa como enxeñeiro formado na Escola de Enxeñaría de Barcelona, e fundara os estaleiros Hijos de J. Barreras, o empeño por construír e reparar buques e todo tipo de artefactos de navegación formou parte da razón de ser de Vigo como cidade portuaria atlántica. Iniciativa a de Barreras que pouco despois sería emulada por Ernesto García e unha década máis tarde por Antonio Sanjurjo Badía, o famoso "Habilidades" do que falaba Emilia Pardo Bazán, fundador de "La Industriosa", varadeiro e estaleiro do Areal onde hai agora un século se construíron os primeiros vapores de pesca. A estes tres pioneiros da construción naval viguesa uniríanse, coincidindo co remate da Primeira Guerra Mundial, o estaleiro de Troncoso e Santodomingo e o de Francisco Cardama Godoy, un pequeno estaleiro de carpintaría de ribeira na punta de San Gregorio, beiramar do barrio de Coia á que dende finais da década de 1920 se irían trasladando a maior parte dos construtores expulsados do Areal polas obras do recheo. Co comezo da década de 1930, Enrique Lorenzo Docampo, quen dende 1920 tiña no Canceleiro unha fundición denominada "La Vulcano", será quen instale na praia de Espiñeiro, no barrio de Teis, unha factoría naval que decontado se especializará na construción de gabarras de aceiro e cabrias (guindastres flotantes), sen menoscabo da súa actividade tradicional na caldeiraría.

Este empeño centenario constituíu o celme industrial da nosa abella da ribeira. Vigo é o que somos grazas, entre outras razóns, a que construímos barcos, unha actividade que forma parte da identidade da cidade. Mais o sector naval nunca foi alleo nin aos avatares políticos nin ás dificultades provocadas polas crises económicas cíclicas nin á necesidade de adaptarse aos avances constantes da navegación marítima, das tecnoloxías pesqueiras e da enxeñaría construtiva (dende a utilización da madeira á do aceiro laminado na construción dos cascos, dende o paso do vapor aos motores de combustión). O futuro da industria naval viguesa pendeu moitas veces do fío do seu financiamento, ao que tampouco foron alleas as decisións políticas, dende a Lei do Crédito Naval dos difíciles anos corenta, pasando polas maiores facilidades dos anos do "desarrollismo" dos sesenta nos que se construíu a primeira frota galega de altura, até a catástrofe dos anos setenta que levou á compra de Barreras polo INI en 1976, á longa crise de Ascón, o primeiro estaleiro "reconvertido" nos anos 80, e á compra de Vulcano en 1986 por Fernando Santodomingo. Durante as dúas últimas décadas, tras o durísimo proceso de reconversión, promovido polo goberno do PSOE, que levou á perda de milleiros de empregos, o que quedou do sector coñeceu un período de inusual bonanza, ao que non foron alleos o éxito da súa estratexia de internacionalización e especialización no deseño de determinados tipo de buques, a externalización dos procesos de fabricación e o emprego do sistema de bonificación fiscal, a famosa tax-lease.

Porén, nos dous últimos anos a situación volveu tornarse dramática para o sector naval da ría, tras a reclamación da Comisión Europea da devolución de 2.800 millóns de euros do tax-lease (1.700 millóns do sector galego), recibidos entre 2005-2011, amparado un sistema creado en 2002, sendo presidente Aznar, e que se mantivo ao longo do período de Zapatero, sen que fose nunca cuestionado polas autoridades europeas, até que en 2011 foi denunciado por Holanda, país que conta cunha industria naval que compite coa nosa. A piques de coñecer a decisión de Bruselas o vindeiro 17 de xullo, na que será decisivo o criterio de Joaquín Almunia, actual comisario da Competencia, aparentemente as perspectivas son moi pouco alentadoras para o porvir da nosa construción naval, que podería quedar ferida de morte. Máis alá da necesidade imperiosa que o Goberno de Rajoy apure até o límite os argumentos xurídicos, baseados nos principios de confianza lexítima e seguridade xurídica (nin os armadores nin os construtores poden ser considerados responsables dunha bonificación fiscal absolutamente legal no seu país), semella que a única posibilidade de que o comisario español modifique o seu criterio reside en comprobar a contundencia e a cohesión da presión política e social na defensa deste sector industrial estratéxico para Galicia, e moi especialmente, para a comarca de Ferrolterra e a área metropolitana de Vigo. Por difícil que semelle, habería apenas unha raioliña de esperanza, quizais non estea todo perdido para o noso naval, afeito ao longo da súa historia a estas situacións límite. Mais aínda cando existe o precedente de Francia, a quen se lle anulou o seu sistema de bonificación, mais sen impoñerlle a devolución das axudas recibidas. Todos co sector naval!

bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook