A principios dos anos 30 do pasado século, os italianos estaban reforzando a súa Armada preparándose para un, máis que probable, enfrontamento bélico. Así foi que en 1933 é botado o submarino Archímede dotado dun impresionante armamento e contando cunha enorme autonomía para permanecer somerxido o que o convertía, xunto coa súa rapidez, nunha importante máquina de guerra.

Como pasara co Cíclope, durante a Guerra Civil Española, a maioría dos buques da Armada quedaron fieis á República. Este contratempo obrigou ao bando nacional a pedir axuda a Alemaña e Italia, sendo Mussolini o que atendeu a petición cedéndolle o Archímede durante un período de 5 meses. A dotación do somerxible era toda italiana aínda que levaban varios oficiais españois co fin de coñecer o seu funcionamento. No ano 1937 é cedido de xeito definitivo á Mariña española.

Foi bautizado co nome de C-5 co fin de facer crer ao bando republicano que se trataba dun dos seus submarinos perdidos. A súa primeira saída, xa baixo bandeira española, foi en 1937 e rebautizado co nome de General Mola. Realizou numerosas misións de guerra no Mediterráneo dende abril a setembro do ano 1937 evitando que barcos republicanos ou neutrais puideran abastecer ou aprovisionar ao inimigo.

Tivo un enorme traballo belicista durante toda a guerra española, converténdose no somerxible co maior número de afundimentos. Rematada a guerra seguiu servindo á Armada e o día 24 de maio de 1959 dérono de baixa.

Decidiron trasladalo dende a súa base de Cartaxena cara a un porto do norte de España para despezalo. Cando se atopaba preto da Illa de Ons, e debido ao forte temporal reinante, a estacha que o unía ao remolcador rompeu e foi a embarrancar á costa noroeste da Illa de Ons, preto do illote da Freitosa, introducindo a súa proa nunha das furnas, cova á que hoxe se lle coñece como "Furna do submarino".

Volvelo a remolcar de novo facíase moi complicado polo que decidiron vendelo a unha sociedade de despece que, segundo o estado do mar e empregando explosivos, logrou rematar o traballo no ano 1963.

Conta Yago Abilleira unha anécdota ocorrida en Ons cando se estaban a realizar estas operacións de despece: "Os operarios amontoaron as pranchas de ferro no peirao de Ons á espera de ter o material suficiente para poder encher un barco de transporte. Mentres tanto, os operarios, chegado o fin de semana, ían a terra a estar coas súas familias deixando o material no peirao. Un luns, cando regresaron, atopáronse co peirao baleiro e puxeron a correspondente denuncia. As autoridades enviaron alí ás forzas do orden que revisaron unha a unha todas as casas illeiras atopando as pranchas nelas o que motivou que levaran aos veciños ante un tribunal militar. Contan que o cura, compadecéndose dos illeiros, buscou unha estratexia para a defensa, que consistiu en que todos os veciños dixeran o mesmo: Que ese fin de semana, pola noite, houbera un gran temporal e levou a chatarra do peirao. Os veciños, ao levantarse, viron que había uns ferros aboiando polo mar e, pensando que eran doutro buque naufragado, colléronnos e leváronos para casa. Parece que a improvisada historia funcionou e ninguén foi a dar cos seus ósos ao cárcere. Dende aquela quedou o dito de que: "En Ons o ferro aboia".

Datos sacados de:

- Yago Abilleira. www.u-historia.com.

- Yago Abilleira. www.sensaciones.org.

- Lino J. Pazos Pérez. "Naufragios en las Rías Baixas". Demare.

*Asociación PiñeirÓns