Opinión | tribuna libre
Naufraxios en Ons (II): O Cíclope
CELESTINO PARDELLAS DE BLAS*
Outro dos naufraxios importantes que tiveron sucedido en Ons é o do remolcador da Armada Cíclope. Este embarrancamento con tráxicas consecuencias tivo lugar o 23 de outubro de 1952 cando o Cíclope, despois de transportar un branco dos empregados para prácticas de tiro, regresaba de novo á Escola Naval de Marín.
Este remolcador fora adquirido pola Armada no ano 1921. Puxéronlle de nome: Remolcador de altura, clase Cíclope, RA-1. Tivo un bo número de actuacións ao longo da, que poderiamos chamar, súa curta vida. Entre as súas actuacións máis destacadas citar que, en 1924 dirixiuse a Marsella para remolcar á grúa flotante Atlas para intentar rescatar ao acoirazado España que estaba varado na costa africana. En 1926 remolcou aos destrutores Velasco e Lazaga que foran pasto das chamas e en 1929 remolcou ata Cartaxena ao submarino construído por Isaac Peral.
Co estalido da Guerra Civil Española o Cíclope, baixo o mando do comandante Miguel Buiza Fernández, continuou no bando republicano ata que un 5 de novembro de 1938 a aviación do xeneral Franco afundiuno cando se atopaba atracado no porto de Cartaxena. Ao ano deste suceso, foi reflotado e pasou de novo a funcionar como remolcador no ano 1943 na recen inaugurada Escola Naval Militar de Marín.
Regresaba o 23 de outubro de 1952, no medio dun forte temporal, remolcando un branco de tiro cando á altura da Illa de Onza falloulle a máquina facéndoo ingobernable indo a varar á zona sueste da Illa de Onza, no arquipélago das Ons.
Na súa axuda acudiron numerosas dornas de Ons que, aínda coas enormes dificultades que representaba o rescate por mor da forte ondada, lograron salvar e axudar a 47 mariñeiros, perecendo no intento outros 7 entre os que se atopaban o comandante do barco, un sanitario e o contramestre.
Posteriormente a Escola Naval mandou varios buques para comezar o despece do barco e, co fin de evitar que os mariñeiros de Ons se achegaran ao barco na procura dalgunha peza como ocorrera co Barsac, ergueron unha pequena caseta de vixilancia enriba da praia do sur de Onza.
En Ons, como pasaba sempre que acontecía algún suceso estraño ou novo, os sábados, cando o mozos e mozas se xuntaban en Curro para cantar ao son da pandeireta, armáronlle unha cantiga a este suceso. Dúas das súas copras dicían:
O Cíclope viña de fóra
cun branco coma unha eira,
e onde foi embarrancar,
a debaixo da figueira.
A debaixo da figueira
onde lle daba o sol,
que o remolque que traía
deixouno no Canexol.
Como xa explicaba no anterior artigo sobre o Barsac, o patrimonio arqueolóxico somerxido en augas do Parque Nacional é importantísimo e, sobre el, deberían facerse os convenientes estudos para dalos a coñecer, poñelos en valor e protexelos. A historia deste remolcador debería ser traballada e explicada no Centro de Visitantes de Ons. Seguro que a Escola Naval de Marín ten numerosos datos e fotos que poderían ser expostos para o seu mellor coñecemento.
Datos sacados de:
- Lino J. Pazos Pérez. "Naufraxios nas Rías Baixas". Damare. 2007.
- M. San Clodio. "Arqueoloxía subacuática no PNMT Illas Atlánticas. 2011
- Foro.todoavanta.es. "Historia Naval de España y Paises de habla española".
- Artigos varios na revista cultural AUNIOS
*Asociación PineirÓns
- Una joven denuncia una agresión sexual en Vigo por parte de cinco hombres
- Nudistas en la playa de Barra increpan con aplausos a quienes utilizan el bañador
- Miguel Ángel Lotina: «La de mi Celta es la plantilla más completa que he entrenado»
- «Valoria B» y «Tumberry C», duelo de titanes en la ría de Aldán
- La isla de Ons pierde parte de su luz: adiós a Áurea Reiriz Otero, farera, percebeira, cantadora y pandeireteira
- Investigan la muerte de un hombre de 47 años tras precipitarse de un quinto piso en Baiona
- El tripulante detenido por la narcolancha de Portugal estaba escondido en las dunas de la playa
- Muere un septuagenario mientras se bañaba en una playa de O Grove