No pleno ordinario do pasado xoves o portavoz do Grupo Popular e a alcaldesa pedían explicacións á nosa portavoz municipal, Ana Doval, polo relevo que no mes de abril producíuse no Grupo Municipal Socialista tras a renuncia da compañeira Andrea Arca por motivos laborais. Como parece que o relevo de Andrea Arca por José Manuel Álvarez Sanmartín "Chulo" molesta á alcaldesa e a parte do seu equipo, volveron este domingo á carga criticando a decisión que tomamos no PSdeG-PSOE, e de paso intentan inventarse un conflicto, pois parece que cos que xa teñen non lles chega. Por este motivo, e dado que igual pensan que co que din consiguen enredar algo dentro da casa socialista, gustaríame facer tres aclaracións.

En primeiro lugar, dicirlle a Vicente Búa que antes de pedir explicacións hai que documentarse sobre a quen se lle teñen que pedir. O PSdeG-PSOE de Forcarei non funciona co "ordeno e mando", senón que se respectan os estatutos do partido e os requerimentos legais para facer este relevo. A decisión do relevo tomouse por parte dos compañeiros que renunciaron e por parte da comisión executiva local do PSdeG-PSOE, da que eu son secretario de Organización. Neste sentido, quero aclarar que Vicente Búa non figura no censo de militantes nin de simpatizantes como para ter dereito a pedir explicación ningunha do noso funcionamento interno, e que de pedila fágao a quen corresponde, non a Ana Doval.

En segundo lugar, dicirlle a Belén Cachafeiro que non trate de enredar na nosa casa para tapar as miserias da súa, e pedirlle que non sexa instigadora e lle falte ao respecto aos compañeiros que concurriron no 2011 coa candidatura do PSdeG-PSOE. A nós nunca se nos ocurriría pedirlle explicacións a Cachafeiro polos membros da lista do PP das municipais do 2011 que agora están participando no partido recén constituído Foro Forcarei, primeiro porque están no seu dereito e segundo porque entendemos que é un asunto orgánico, non municipal, e os asuntos orgánicos forman parte da vida dos partidos e os asuntos municipais da vida dos veciños. Por favor, céntrese nos segundos que son os importantes.

En terceiro lugar, dicirlle aos dous (a Vicente Búa e a Belén Cachafeiro) que os socialistas si priorizamos os intereses veciñais e por iso fixemos o relevo con "Chulo", un compañeiro que neste momento pode implicarse ao 100% porque, afortunadamente, a súa situación laboral e persoal permítello e que ten ganas e ilusión de facer como concelleiro o que ata agora facía como veciño: procurar o ben común.

Dicirlles tamén que tal e como vimos amosando en todos os plenos, preocúpanos moito a xestión municipal e as artimañas que montan para xustificar ou para tapar esa xestión segundo conveña. Preocúpanos que se teñan que pagar 1.800 euros de honorarios de abogado, ademais da correspondente indemnización, porque non foron capaces de facer ben o despido dunha traballadora, e que incluso haxa outro xuízo pendente. Preocúpanos que digan que o plan de axuste ven derivado polo préstamo do polígono de Vilapouca cando nese plan de axuste incluíron facturas do aluguer de dous traxes de galega para a Festa do Gaiteiro (imaxinamos de quen), varias facturas de actuacións musicais e de comidas do grupo de goberno, ou numerosos gastos de "obriñas" e colocación de puntos de luz en temporada electoral. Preocúpanos que a alcaldesa se desdiga no pleno do pasado xoves do que dixo nun tribuna libre na prensa e que afirme que a aprobación da plaza de técnico de Cultura foi decisión dunha persoa que xa non está, cando todos os membros do grupo popular votaron a favor dos orzamentos do 2011 nos que figuraba esa praza e non puxeron ningún reparo a súa aprobación en decembro dese mesmo ano. Preocúpanos tamén que as relacións cos traballadores sexan caprichosas e arbitrarias, porque iso afecta á productividade do traballo e a eficacia dos servizos. Preocúpanos que teñamos unha débeda de 700.000 euros e que os recortes e axustes practicados provoquen a perda da nosa autonomía como concello e identidade como pobo. Preocúpanos que non sexan capaces de ver que a saída do Consorcio Conca do Lérez ten máis inconvintes que ventaxas para a economía local. Preocúpanos que a humanización da rúa Progreso e Regueira non sirva para dinamizar o comercio senón todo o contrario. Preocúpanos que dediquen os fondos de dinamización de desenvolvemento rural a unha pista de pádel mentres temos outras necesidades e outras infraestructuras municipais en mal estado. - preocúpanos que destas cousas e moitas máis non queiran falar nos plenos e ou ben nos remiten a unha posterior contestación por escrito ou ben mangoneen os turnos de palabra para que non se debata.

Pensabamos que coa compra masiva de periódicos por parte de Belén Cachafeiro para ocultar unha entrevista que non era do seu agrado xa o viramos todo sobre como actúa a alcaldesa e o seu equipo, pero parece que cada día supéranse, sigan así....