En 2007, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou a resolución de declarar o 2 de abril como Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que se celebra cada ano desde entón.

No seu manifesto, a Organización Mundial do Autismo (OMA) comenta que ogallá no futuro se poida celebrar este día sen ter que aludir á necesidade da concienciación. Neste caso sería un sinal inequívoco de que se tivera acadado un dos obxectivos máis importantes.

Este ano 2013 ten ademais unha relevancia significativa tanto para as persoas con discapacidade como para as persoas con trastornos do espectro do autismo (TEA) en particular: é o Ano Europeo da Cidadanía Activa. A Comisión Europea propuxo para 2013 que a cidadanía europea e a democracia de participación estean no centro da axenda para que os europeos coñezan os seus dereitos e a mellor forma de participar neles.

O manifesto subliña unha serie de consideracións a ter moi en conta de cara a promover os dereitos dos colectivos máis vulnerables, tal é o caso das persoas con autismo e as súas familias. Así, fai un chamamento á participación social, que nunca foi tan necesaria como o esta sendo actualmente. A participación cidadá faise imprescindible para o crecemento da sociedade, para o enriquecemento da nosa vida na comunidade e, sobre todo, para potenciar os colectivos con maiores riscos de verse excluídos deste ámbito, como son as persoas con autismo.

Nestes últimos anos producíronse importantes avances no recoñecemento das persoas con autismo e outros dereitos das persoas con discapacidade. Fai xa cinco anos que a Convención internacional dos dereitos das persoas con discapacidade forma parte do ordenamento xurídico, nembargantes a pesares de que supuxo un logro fundamental no recoñecemento dos dereitos deste colectivo aínda estamos moi lonxe de acadar o exercicio pleno dos mesmos e a garantía de que as persoas con autismo gocen da participación social e comunitaria que lles corresponde, como cidadáns de pleno dereito.

A implicación social, o apoio mutuo e a colaboración fanse imprescindibles para conseguir fins comúns de todos aqueles que estamos vinculados e comprometidos co avance no recoñecemento e exercicio efectivo dos dereitos das persoas con autismo e as súas familias. Faise necesario que a sociedade escoite a nosa voz, necesidades e dereitos, achegándose a nós sen prexuízos. Visualizar a realidade das persoas con autismo e abandonar vellos mitos e falsas crenzas que aínda se manteñen na actualidade sobre estas persoas que presentan este tipo de trastornos. Consideramos que existe unha verdadeira necesidade de coñecer e de dar a coñecer o autismo na sociedade. As administracións públicas e os seus representantes teñen unha gran responsabilidade en tanto que a súa voz sexa escoitada en organismos nacionais e internacionais. Unha cuestión chave para conseguir o avance no goce dos dereitos do noso colectivo.

Unha labor conxunta, mostrándonos unidos e potenciando unha participación activa das persoas con autismo na sociedade, faise necesaria de cara ao goce dos seus dereitos en igualdade de condicións co resto dos cidadáns.

A sociedade ten que atopar no noso colectivo unha sincera invitación a coñecernos, a participar na nosa realidade e apoiar a un sector dos cidadáns que forman parte dunha sociedade na que todos e todas debemos ter cabida.

Co Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, tal como aparece na mensaxe do Secretario Xeral das Nacións Unidas Ban Ki-moon, acadouse unha maior atención no plano internacional respecto deste trastorno.

Hoxe, máis que nunca, mostramos que o mundo do autismo non esta feito de silencio nin de illamento; precisa concienciar e participar. Onte ás 12.00 horas, o Excmo. Concello de Vigo (auditorio) acolleu un fermoso acto propiciado polos nenos e nenas, rapaces e rapazas con autismo de Fundación Menela, para celebrar este Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, ao que estiveron vostedes invitados.

*Director de la Fundación Menela