Semella que recién iniciada a primavera, en realidade non saímos do inverno. Deste tempo toleirán que vimos sufrindo, cheo de baixadas de temperatura pouco habituais para estas épocas, acompañados de rachas virulentas de vento e nevadas nas montañas do arredor, que non animan a saír de vacacións ao sur do país, pois mesmo din que o Sur está cambiando climaticamente, e que conste que nestes casos a razón dos meus veciños de piso, que viven os dous de pensións non contributivas e das excursións do imserso, non é tampouco precisamente porque o prezo do líquido do que se alimenta o motor dos vehículos vaia cada vez máis cara arriba día si día, motivo que os meus outros veciños, funcionarios, si que empezan a utilizar como escusa para non saír moito de festas. A verdade é que parece que nin sequera sabemos como saír entre todos do túnel no que vivimos, no medio desta crise galopante que nos aboca predestinados a deus sabe que, con tantas medidas económicas que atafegan e oprimen á poboación, día si e día tamén con xuros e trabucos novos como única solución sistémica para que siga subsistindo esta maneira de gobernar década tras década, á que todos temos que pagar relixiosamente como bos cidadáns, pero que nin sequera os que menos poden acaban soportándoa.

O milagre de todo isto é pensar que aínda moitos estamos en pé, animados, a pesar deses datos denigrantes sobre a taxa de suicidios que hai en Ourense, que avantaxa case con creces á dos mortos en accidente de tráfico, aínda que Lugo resulta ser a que supera ao resto das provincias galegas. Son datos que non deixan de cobrar protagonismo cada semana que pasa, máxime sabendo os problemas que existen agora no medio desta crise económica, cos desafiuzamentos hipotecarios. Son datos que se ocultan á poboación para non crear máis alarma social da que existe por mor dos nosos gobernantes que necesitan subsistir a por de manter o sistema coma sempre a costa de máis impostos.

Din que a primavera o sangue nos altera. Pois a ver se iso fora certo e axudara a que os miolos dos nosos gobernantes se decataran de que o problema que descansa no fondo da cuestión parte deles e a ver se foran capaces que discorrer mellores medidas que impediran os suicidios por desafiuzamentos e houbera menos impostos agravantes. Dixit.