Cumpríronse o pasado 21 dezaoito anos do prematuro falecemento de Chano Piñeiro. - cómpre repudiar que, por mor dunha falsa austeridade -gástanse cartos públicos noutros asuntos de menor importancia-, non se celebre dende hai xa tres anos a gala dos premios que levaban o seu nome.

A identidade e a cultura dun pobo requiren exemplos. Galicia é un país cheo de boas e xenerosas xentes, pero tamén doutras que se aproveitan desa bondade e desa xenerosidade para prometeren soños (era unha palabra que sempre empregaba Chano) que logo non cumpren. O exemplo de Chano no cinema galego é un paradigma que non merece ser esquecido. Pola contra, merece sen enxalzado e colocado como espello para as futuras xeracións que se fagan cargo dun mundo, o audiovisual, que por forza está chamado a dar a imaxe de país que se transmitirá ó público máis numeroso posible.

Chano foi o pioneiro do noso cine (o Griffith galego), exercendo, en prexuízo da súa precaria e crebadiza saúde, de director, de guionista, de produtor e mesmo de intermediario con Madrid en tempos dificilísimos para unha industria audiovisual en cueiros. Todo ese sacrificio, que tivo os seus froitos, aínda que foran madurando con moita parsimonia, non merece ser botado no saco roto das promesas sen garantía de cumprimento.

É difícil loitar pola cultura, non dá moitos votos, ou polo menos non dá tantos coma outros asuntos máis doados e apracibles, e con maior profundidade de campo para a foto que todos buscamos na política. Pero, á larga, e se non queremos acabar uniformizados e parecidos a un turista ianqui, con gorra de béisbol que tapa as ideas e con pantalóns tan curtos coma a cantidade de materia gris de quen os levas postos, teremos que reivindicar a xente que si tiña ideas, imaxinación e compromiso. - Chano é un dos patróns máis válidos nesa xeira. Se non queremos, tampouco, ser coñecidos polo País dos Ananos.

*Popularmente coñecido como Rochi, é escritor e exconcelleiro de Forcarei