Pontevedra e a auga son dúas realidades que van historicamente unidas. "Pontevedra da de beber a quen pasa", explica un vello dito, nada casual, que reflexa a importancia que a auga sempre tivo, e está a ter, na vida do noso concello. Hoxe, Día mundial da auga, creo bo recordar o protagonismo que ten na nosa cidade.

Pontevedra goza na actualidade dunha das mellores augas de consumo de Galiza, e do Estado. Ten o privilexo de ter unha captación directa do río Lérez e unha reserva de auga no encoro do Pontillón, que se emprega en contadas ocasións, o que permite compatibilizala con outros usos. Dentro dos complexos sistemas de enxeñería de captación, tratamento e distribución da auga, o sistema de Pontevedra é dos máis respectuosos co medio, cos nosos espazos naturais. A modo de exemplo, a planta de captación atópase nos Salóns do Lérez, espazo incluído na Rede Natura, e o encoro de Pontillón é un parque forestal.

A auga que chega ao grifo dos pontevedreses cumpre rigorosamente os parámetros de calidade que acredita a certificación alimentaria ISO 22000 pola súa inocuidade. Esta acreditación garante os controis analíticos en todos os procesos polos que pasa o suministro de auga potable no abastecemento urbano de Pontevedra e da súa ría.

Tal día como hoxe é preciso recoñecer que a auga é de todos, polo que debe quedar lonxe de calquera desexo privatizador, e ten que continuar sendo un elemento público por ser de primeira necesidade. Lonxe dos réditos ou dos beneficios, só as administracións podemos ofrecer a mellor xestión ofrecéndoa á maior cantidade de persoas posible e en condicións óptimas de consumo. Neso Pontevedra sempre foi responsábel e solidaria.

Facer un uso racional da auga é obriga de todos, son só da Administración. Por iso, quero aproveitar esta data para lembrar o importante que é o seu uso axeitado como elemento esencial para a vida humana, e tendo presente que non todos poden acceder a ela con só abrir o grifo.

* Concelleiro responsábel do Ciclo da auga.