non só unha vez, dúas polo menos nas últimas semanas (e as que quedarán), e toca corrixir. Como recorda a frase atribuída a Cicerón: "De homes é equivocarse; de tolos, persistir no erro".

Dito o anterior, leva retumbando na miña cabeza unha frase pronunciada hai un par de semanas: "As deputacións son as casas dos inútiles". Ben retribuídos, iso si. A frase non é miña, é do popular alcalde de Muras, que recentemente fixo valoracións sobre a reforma da Administración local, poñendo na base do problema a inutilidade das deputacións e dos políticos que cobran tres ou catro soldos. Estaría pensando no rexedor lalinense e nas súas "múltiples" responsabilidades retribuídas?

Lévame a este razoamento o recordo, hai uns meses, das furibundas mensaxes de reproche de Xosé Crespo logo de publicarse un artigo nesta mesma sección que situaba en preto de 60.000 euros as retribucións que o rexedor lalinense recibe, importe razonable e xusto para a Fegamp, para un rexedor dunha vila como Lalín de 20.000 habitantes.

Hoxe estou en disposición de dicir que me equivoquei. Vostede desculpe, señor alcalde: a cifra é moi superior ós 60.000. Son ingresos declarados, procedentes na súa maioría do diñeiro público, principalmente do Concello de Lalín e da Deputación de Pontevedra. Roza así o escandaloso o que lles custa a pontevedreses en xeral e lalinenses en particular o, polo de agora, alcalde de Lalín. Porque a cifra chega ó escándalo se a ela lle sumamos os gastos "propios da súa actividade", como el mesmo defende: coche oficial, carburantes, condutor, tres membros "directos" de gabinete particular, dietas e gastos... - iso todos os meses de todos os anos! Non me estraña que non aspire a cargos en Compostela... Perdería cartos!

Segunda equivocación, esta de hai quince días: Sogama non trata só o 50% do lixo que recibe. A pesar de ser un dato manexado en relatorios e conferencias o pasado ano, a porcentaxe de residuos destinados a vertedoiro é "só" do 31% grazas ás melloras aplicadas nos últimos anos. - a "inviabilidable do sistema" á que me refería no artigo anterior aludía a todos os sistemas de xestión que implican pasear o lixo por Galicia no canto de reducir o seu volume nas comarcas de orixe e, por exemplo, destinar só a Sogama o CDR (combustible derivado de residuos obtido no proceso industrial de extracción de elementos reciclables ou compostables). Menos peso, menos canon, menos quilómetros, menos custo, menos contaminación...

Ambas "equivocacións" relaciónanse no meu artigo pasado. Sosteño a análise de que a decisión de crear unha "minideputación" para a xestión do lixo, no canto de mancomunidades comarcais ou figuras análogas, é un erro ambiental e económico. Seguramente, non partidario, xa que así se tenta xustificar unha deputación, no canto de transferir cartos e competencias ós concellos e as comarcas. En tres ou catro anos, os mesmos concellos que agora se acollen a esta figura terán que facer fronte ós custos reais que, na maioría dos casos, van ser maiores ós que actualmente pagan (ou deben, porque pagar pagan poucos) a Sogama para que lles quiten "a merda e a responsabilidade da súa xestión" de diante dos ollos.

P.D.: Curiosa foi a resposta do alcalde ó BNG, no pleno desta semana, para argumentar razóns para a non construción de plantas de xestión de lixo comarcais e de compostaxe na provincia. Despachou ós concelleiros nacionalistas cun "Barbanza funciona regular e Nostián é un desastre". Nin o Barbanza tería capacidade para tratar o orgánico do Salnés nin a afirmación é certa. O alcalde debería ler as cifras de recuperación e tratamento que reflicte o Plan de Residuos de Galicia en vigor, redactado pola Xunta popular actual. Claro que este alcalde estase afacendo xa ós "piscinazos verbais". - agora ten un xoguete novo, e unha desculpa para escapar máis de Lalín en coche oficial: o lixo da provincia.