En Bueu van por diante á hora de instalar as luces de Nadal e as tarefas están moi adiantadas pola colaboración do Concello e Fecimo. A previsión é encendelas na ponte da Constitución, ainda que a estrea xa foi para un programa de cámara oculta que está a preparar a Televisión de Galicia para esas datas. Non imos adiantar nada máis, que senón váiselle parte da gracia que lle imprimen os seus creadores. O único que podemos dicir é que non se trata do anuncio de Freixenet, que se filma por outros mares.

"Reivindicando bajo la lluvia" en Pescadoira

Para defender os principios nos que se cré hai que mollarse, e os colectivos sociais de Bueu tomárono ao pé da letra á hora de protestar contras os novos intentos de construir un porto deportivo en Pescadoira. Sacaron a pancarta e plantáronse sobre a praia para escenificar os valores naturais que se poñen en risco pola ameaza de colonización dos iates. Nada especialmente novedoso, se no fora que caía que Dios la daba, como din os vellos, e que os paraugas sustituíron ás sombrillas na paisaxe do areal.