O pasado venres publicouse nestas páxinas de "Faro" unha reportaxe de Amaia Mauleón sobre os Premios da Crítica Galicia con motivo do seu 35 aniversario. Ilustraban o texto senllas fotografías de Magar e outra do desaparecido Llanos nas que puidemos identificar a relevancia que estes premios, creados en 1978 polo Círculo Ourensán Vigués, a entidade recreativa da rúa Venezuela daquela presidida polo libreiro Bieito Ledo, tiveron para a cultura galega.

Na primeira das fotos, a que máis me impactou, aparecen as sete persoas que formaron parte do primeiro xurado de creación literaria, o que escollería como gañador o poemario "Mar e naufraxio" de Alfonso Pexegueiro, editado polo Círculo de Investigacións e Estudos Sociales (CIES). Na foto de Magar aparecen arredor de dúas mesas rectangualres seis homes barbados e unha única muller, a profesora de literatura galega Pilar Vázquez Cuesta. O catedrático Emilio de Gregorio, secretario do xurado en representación do Círculo Ourensán, e Basilio Losada, profesor da Universidade de Barcelona, acompañaban a catro dos escritores máis relevantes da literatura galega das últimas cinco décadas Carlos Casares, Paco Martín, Xosé Luís Méndez Ferrín e o poeta Celso Emilio Ferreiro, un ano antes do seu pasamento. Este xurado de auténtica excepción afirmou no texto do seu ditame que no libro de Pexegueiro se realiza "un esforzo importante no camiño de conquerir unha renovación das técnicas expresivas da lingua poética galega", ademais de salientar tamén o interese doutra obra que considerou longamente, "Silabario da turbina" do colectivo poético Rompente, "que mostra unhas especiais caraterísticas renovadoras no que facer poético". Dende aquela, a creación literaria en galego, como o conxunto da oferta editorial galega, deu un chimpo de xigante. Paga a pena lembrar que entón se editaban en galego cada ano apenas 150 títulos, mentres que na actualidade, a pesar das dificultades das crises da industria editorial, son bastantes máis de dous mil. Foi, pois, aquel do Hotel Samil un decisivo momento alboral dun proceso de crecemento, ao que os Premios da Crítica nunca serían alleos.

Mais a foto de Magar, que sen dúbida pasará á historia da literatura galega, non informaba sobre o que sucedía extramuros daquel cuarto do Hotel Samil, onde se celebraron as deliberacións, ou do salón onde aquel 16 de maio tivo lugar a primeira "Cea das Letras", na que é ben lembrar que cada un dos asistentes, o certo que de moi diversa condición, pagou as 800 pesetas do menú. Extramuros fervía o Vigo revolcado, que comezaba a enfrontar a primeira das súas nunca concluídas reconversións navais, unha cidade que sofría un momento de devalo económico, ao tempo que coas liberdades, aínda non completamente conquistadas, os partidos e forzas políticas abordaban o complexo debate do texto constitucional e das aspiracións da nación galega ao seu autogoberno e á recuperación plena da súa lingua e da súa cultura.

Nese fervedoiro social e político, que foi tempo de incertezas e oportunidades, cocéronse as primeiras edicións dos Premios da Crítica Galicia. Impulsados por unha xeración entusiasta de profesionais vigueses, pertencentes a un espectro político plural, mais vinculados coa esquerda e co galeguismo, os Premios da Crítica (nacidos primixeniamente co nome de "Premios Martín Codax"), como outras actividades organizadas polo Círculo Ourensán Vigués (Romería das Letras Galegas en Castrelos, Semana da Cultura Galega no norte de Portugal) acreditaron na potencia das iniciativas da sociedade civil e na consideración da cultura e a lingua galegas como un patrimonio de todos. Iniciativas todas as tres alicerzadas sobre un xeito mancomunado de entender o país e un traballo cultural "vivo e incitante", co que se pretendía, lonxe de calquera intención elitista, "chegar a amplos sectores sociais", por utilizar os termos dos seus textos fundacionais.

Ese espírito de galeguismo aberto, inequivocamente integrador e antiseitario, esa vocación de presentar a cultura galega na súa verdadeira estatura e diversidade (dende a creación literaria, a investigación, o ensaio, atá a iniciativa cultural, o disco, as artes plásticas, escénicas e audiovisuais), sen complexos nin chovinismos, permitíu a consolidación e a continuidade ininterrompida dos Premios da Crítica Galicia, a pesar das dificultades económicas e das circunstancias políticas de tres décadas e un lustro. A forza destes Premios, que na súa edición 2012 se fallarán o vindeiro sábado, 17 de novembro, debeuse tanto a ese espírito agarimeiro como á grande vitalidade da cultura galega, representada por esas máis de duascentas persoas e entidades que premiadas nas diversas modalidades ao longo da súa historia. Un éxito colectivo!

bretemas@gmail.com