24 de septiembre de 2012
24.09.2012
Campo de Granada

Reforma educativa regresiva

Manuel Bragado

24.09.2012 | 09:27

Cumpríronse os peores agoiros. O texto do anteproxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) non permitirá o acordo parlamentario e da comunidade escolar arredor dun modelo estable e duradeiro de sistema educativo. Pola contra, o Goberno de Mariano Rajoy apostou por unha reforma educativa moi dura, de marcado cuño conservador, que anticipa a segregación temperá do alumnado, profundiza nas desigualdades sociais de orixe, aumenta a centralización das ensinanzas mínimas, ao tempo que consolida a redución de recursos destinados á educación pública, prevista no Programa de Estabilidade 2012-2015, até o 3,9 % do PIB, unha porcentaxe de comezos dos anos oitenta. Eis toda a terapia para un sistema que mantén unha taxa de abandono educativo temperá do 26,5 %, case o dobre da media europea (13,5 %), e uns niveis baixos do seu alumnado nas probas PISA.
É difícil agochar que o obxectivo de Wert é amparar á redución prevista dos investimentos en educación. Unha cifra desacougante, a perda do 1% do PIB en cinco anos (10.000 millóns de euros) que supoñerá a diminución do cadro do persoal docente (estímase en 40.000 persoas), o aumento do número máximo de alumnos por clase e o de horas que dan os profesores, a supresión de programas de apoio, a redución de servizos de comedor e transporte, así como o número de bolsas. Recortes que afectan aos centros públicos, mais tamén aos colexios concertados e ás universidades públicas, pendentes dunha lei de "profunda" reforma. Recortes que na LOMCE quedan xustificados de forma ridícula, obviando o argumentario da planificación educativa internacional, cando di que "a calidade educativa debe medirse en función do ´output´ (resultados dos estudantes) e non do ´input´ (niveis de investimento, número de profesores, número de centros...)". En contra de toda evidencia, Wert, ministro de talante liberal e moita labia, defende que con menos recursos e menos profesorado pode mellorarse a calidade educativa. Vivir para ver.
O modelo escollido na LOMCE para reducir as elevadísimas taxas de abandono educativo temperá levará a aumentar a desigualdade entre o alumnado. A introdución caprichosa de probas de avaliación en 3º e 6º de Primaria, que poden supoñer a repetición de curso; a segregación a partir dos quince anos, introducindo dous itinerarios curriculares e dúas titulacións diferentes, o académico e o de apliación profesional para a obtención do Graduado en ESO, sen vías de interconexión entre elas; como a dunha Formación Profesional Básica, para os fracasados en 2º e 3º de ESO, "castigados" sen titulación académica ningunha, son medidas que fan retroceder ao sistema educativo ao modelo anterior a LOXSE (1990). Segregación inxustificada, xa que hai países como Finlandia, o mellor colocado nos resultados de PISA, que manteñen o seu tronco común de ensinanzas até os 16 anos, o que amosa que a equidade non é incompatible cos bos resultados dos estudantes. Como tamén sabemos (estúdase nas primeiras clases de Socioloxía da Educación), que canto antes se segrege ao alumnado en itinerarios educativos diferenciados, haberá maior conexión entre o estatus socioeconómico e os resultados escolares. Haberá menos posibilidade de que a educación funcione como un instrumento de mobilidade social e de compensación de desigualdades. Esta segregación educativa que pretende introducir a LOMCE é un erro enorme, probablemente froito ideolóxico dunha dereita que a esta altura da deflacción xa non ten inconveniente en recoñecer como inevitable a división social entre ricos e pobres.
Regresión supón tamén a homoxeinización das ensinanzas mínimas, que a LOMCE pretende aumentar até o 75 % e no caso das comunidades con lingua cooficial, como Galicia, 65 %. Unha medida discutible, xa que colisiona coas competencias recoñecidas nos Estatutos de Autonomía, ao tempo que deseña un modelo educativo centralizado pola vía técnica do currículum e do deseño das "probas diagnósticas" (reválidas) de cada etapa. Regresións tamén presentes no auténtico tecnocidio dos contidos da ESO, no que diminúen o peso de disciplinas como a Tecnoloxía, Plástica, Música e Educación cívica; no recoñecemento da segregación por sexos (a pesar da sentenza do Tribunal Supremo) para subvencionar aos colexios do Opus Dei ou no menor peso dos consellos escolares na xestión dos centros, liquidando un modelo exitoso de dúas décadas de participación das familias nas comunidades educativas.
Non está de máis lembrar, como facía Federico Mayor Zaragoza estes días, que o obxectivo principal da educación, sobre a base ética da igual dignidade humana, é "formar a persoas libres e responsables". Non atopamos referencia ningunha a esta idea no texto LOMCE, nin sequera no limiar. Mágoa!

bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook