23 de julio de 2012
23.07.2012
Faro de Vigo
Campo de Granada

Ás portas das Autónomicas

Manuel Bragado

23.07.2012 | 02:37
Ás portas das Autónomicas

Tras o colapso da prima de risco por riba dos 600 puntos e a solicitude de intervención da Comunidade Valenciana e a posible doutras comunidades autónomas como Murcia, non é descartable que o "rescate completo" ao Reino de España se produza nos próximos días, semanas ou meses. Ademais de provocar unha crise da Zona Euro de consecuencias descoñecidas, supoñería enxergar un horizonte horrible de máis recortes sociais, quizais desta volta afectarían ao futuro das pensións, aumentando a indignación dunha cidadanía sometida a un esforzo brutal de deflacción e empobrecemento que non axuda a saír da recesión nin a crear emprego. Mais un posible rescate completo supoñería tamén un punto de inflexión que acentuaría a crise política do actual sistema de representación e poñería en cuestión a viabilidade do modelo do "estado das autonomías", ao que xa se culpa de forma máis ou menos explícita da incapacidade para reducir o déficit.
Nese contexto de incerteza institucional e aumento da conflitividade social deberá convocar eleccións Feijoo no vindeiro outono ou inverno. Un presidente que non tivo outros méritos de goberno dos que non fosen os recortes das políticas públicas, os anuncios dalgúns posibles contratos e o de carecer dunha oposición que se presentase como alternativa verosímil. Durante a lexislatura o PSdeG-PSOE e o BNG perderon a oportunidade de renovar os seus proxectos e liderados políticos. Agora, ás portas das Autonómicas, non existe aínda candidatura socialista, mentres que os nacionalistas, tras o fracaso da Asemblea Nacional do BNG de xaneiro, esgazaron en varias forzas. Coa excepción do deputado Francisco Jorquera, candidato elixido polo BNG, descoñécense os outros rivais que terá Feijoo para optar á presidencia da Xunta. Sen dúbida, este escenario de división e fraxilidade da oposición é o soñado polo actual presidente para afrontar a valoración cidadá da que sabe foi a máis ruín lexislatura da Autonomía, tanto para o desenvolvemento do autogoberno como para a calidade de vida da cidadanía.
Pachi Vázquez, o actual secretario xeral e voceiro parlamentario do PSdeG-PSOE, desputará en setembro as primarias, probablemente, fronte ao exministro de Fomento José Blanco –sempre que este consiga a resolución da súa situación como imputado no caso Campión– ou fronte a José Ramón Gómez Besteiro, o actual presidente da deputación de Lugo. Unhas primarias con resultado incerto que amosarán a profunda división do socialismo galego, organizado en califatos provinciais e locais (que en casos como o vigués e o lucense procuran dos seus referentes en Ferraz, poñendo en evidencia a organización galega do partido), e carente dun liderado forte e dun inequívoco proxecto nacional para Galicia. Superar ese localismo doente e desenvolver unha proposta sólida de autogoberno para Galicia son prioridades para o socialismo galego, se non quere caer na irrelevancia.
A división do nacionalismo galego en varias forzas (BNG, ANOVA, Compromiso por Galicia, ademais das minorías independentistas) no mesmo ano das autonómicas é unha estratexia case suicida, mais aínda cando non vai ser doado que todas as tres poidan acadar o difícil teito do 5% que para entrar no Hórreo impón a lei electoral, aprobada a comezos dos noventa pola maioría de Fraga e que daquela forzou o proceso de unidade nacionalista arredor do BNG. Non dubido que esta división do nacionalismo –visualizada nas convocatorias do 25 de xullo– é entendible tanto pola rixidez dogmática marcada na dirección do BNG polo seu partido hexemónico como pola vitalidade que a diversidade ideolóxica achega a un proxecto nacionalista necesitado dun novo pulo programático e organizativo e de liderados atractivos para a sociedade galega do século XXI. Porén, na actual situación de emerxencia para o autogoberno galego e diante da inequívoca oportunidade da febleza do PP crebado pola súa política de recortes e pola traizón ao seu electorado, a comparecencia das diversas forzas do nacionalismo galego nunha única coalición electoral é a solución máis intelixente, eficaz e útil para os intereses de Galicia e para o futuro do proxecto nacionalista. Unha solución excepcional para darlle resposta á necesidade dun momento histórico, unha ampla coalición contra o conformismo que pola xenerosidade e afouteza expresada con este xesto por todos os nacionalistas concitaría simpatía e apoio en sectores moi amplos da sociedade galega.
Sen esquecer que no actual contexto é probable o incremento dos votos a Esquerda Unida, forza que podería ser outra das chaves dunha alternativa de esquerda, cuxo resultado pode depender moito de cómo se presenten os nacionalistas.
Eis as pezas dun dificil crebacabezas para artellar unha alternativa a Feijoo.
bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook