Ao longo das nosas vidas, acumulamos experiencias positivas da sanidade pública que, en liñas xerais, ofrece con eficacia e eficiencia un servizo de grande calidade. A pesar dalgunhas insuficiencias, sobre todo no que atinxe ás listas cirúrxicas de agardar, a sanidade funciona aceptablemente, sendo até agora maioría os usuarios que nos sentimos satisfeitos, mesmo orgullosos dos seus servizos, froito do compromiso do persoal sanitario e da organización dun Sistema Nacional de Saúde baseado na integración de todos os recursos sanitarios públicos. Un modelo gabado a nivel internacional que, porén, situou o gasto sanitario público español en relación co PIB nun 6,25%, unha cifra por baixo da de outros estados da Unión con economías máis poderosas, como Alemaña (7,92%) ou Francia (8,48%).

Tras a Constitución de 1978, que no seu artigo 43 recoñecía o dereito á protección da saúde, foi a Lei Xeral de Sanidade de 1986, aprobada durante o goberno de Felipe González, a que deseñou o actual modelo sanitario caracterizado pola universalización da atención, que cubría ao cen por cen da poboación. Coa intención de garantir a equidade no acceso aos servizos procurouse situalos da forma máis accesible, o que supuxo, ao longo deste período, unha profunda descentralización (hoxe xestionada por cada unha das CC.AA.) e a creación dunha tupidísima rede de Atención Primaria en todo o territorio.

Este modelo sanitario, este patrimonio social, ese tesouro do ben común corre un moi serio perigo. As políticas de consolidación fiscal e de "austeridade selectiva" do Goberno de Rajoy puxeron tamén na sanidade o seu punto de mira para recurtar dos seus fondos 7.000 millóns de euros e para introducir importantes cambios no seu modelo. A partir do Real Decreo Lei 16/2012, aprobado pola vía de urxencia o pasado mes de abril, só terán dereito á prestación sanitaria as persoas que coticen á Seguridade Social, suprimindo así o seu carácter universal e recuperando o vello sistema franquista da condición de "asegurado". Un novo sistema que deixará sen asistencia sanitaria a colectivos como os das persoas maiores de 26 anos que non teñan cotizado ou, coa excusa trapalleira do turismo sanitario, aos inmigrantes non regularizados, a pesar de que estas persoas, a maior parte mulleres, realicen labores de coidados a maiores e dependentes.

Ademais, redúcese a oferta de servizos sanitarios públicos, increméntase o copagamento farmacéutico aos traballadores activos, introdúcese para xubilados e persoas con incapacidade permanente (en Galicia serían 686.705 as persoas que poderían chegar a pagar até 8 euros mensuais por este repagamento) e retíranse algúns medicamentos moi usados do financiamento público. Se isto non abondase, precarízanse as condicións laborais do persoal da sanidade, despídese a persoal interino, non se repoñen xubilacións e ábrese a porta con carácter xeral a privatización total da xestión de áreas sanitarias, hospitais e centros de atención primaria como xa se veu facendo en comunidades gobernadas polo Partido Popular, utilizando argumento tan peregrino como o da "súa xestión máis barata e eficaz". Privatizacións, presentadas de forma eufemística como "externalizacións", que no caso da Comunidade Valenciana afectan xa a un 20% da rede de atención primaria e hospitalaria que agora podería ser adquirida por unha empresa propiedade dun dos cinco maiores fondos de investimento do mundo, que conciben a sanidade coma un suculento negocio.

A sanidade pública universal non é, como queren facernos crer, a responsable da crise da débeda nin da subida da prima de risco nin da burbulla inmobiliaria nin da xestión atolada das caixas de aforro. Nin sequera é certo que teñamos unha "sanidade por riba das nosas posibilidades". É inxusto que se recurten as súas prestacións de forma indiscriminada e sexan os doentes, sobre todo os crónicos e os maiores, os que paguen un imposto engadido polo feito de estar enfermos, abonda desgraza teñen co seu estado! O financiamento do sistema sanitario debe provir dos Orzamentos Xerais do Estado, o que non quere dicir, que o Sistema Nacional de Saúde non deba introducir mudanzas na súa xestión para facela sostible, baseadas na mellora da eficiencia e no uso racional de recursos escasos e moi custosos, sexa no emprego de fármacos (eis os aforros xerados xa pola prescrición de xenéricos), na realización de probas diagnósticas, na duración das estancias hospitalarias ou noutros criterios técnicos e asistenciais.

A manifestación de onte en Compostela, promovida polas diversas plataformas cidadás galegas na defensa e mellora da sanidade pública, constitúe unha importantísima chamada de atención. A sanidade, coma a educación, debe continuar sendo pública.

bretemas@gmail.com