Peinador foi construído, literalmente, pinga a pinga polos vigueses, co esforzo dos nosos avós e dos nosos pais. Non é lenda urbana ningunha. Foi unha angueira de vinte e cinco anos, iniciada en 1929, cando se abriu o porto de Vigo ao tráfico aéreo para hidroavións, e finalizada aquel 25 de abril de 1954 no que aterrou sobre a pista de mil cinco centos metros de Peinador un DG-3 de Iberia inaugurando o enlace aéreo Madrid-Vigo. Durante os anos de entusiasmo republicano, nos que xermolaron algúns dos proxectos de desenvolvemento urbano máis decisivos para a historia da cidade, o concello, co apoio dalgúns empresarios vigueses, pulou polo proxecto de construír un aeródromo terrestre nuns terreos próximos ao primeiro apeadeiro do tranvía Vigo-Mondariz, bautizado como "Peinador" en homenaxe ao emprendedor galeguista Enrique Peinador Lines, quen fora o máximo impulsor desta liña do tranvía suburbano vigués e responsable do incrible proxecto do Balneario de Mondariz.

En 1936 deseñouse un primeiro proxecto para Peinador con tres pistas de voó e unha estrada de circunvalación. Tras o levantamento militar, o goberno obrigou aos veciños dos concellos de Vigo, Lavadores e Mos a traballar dous días de cada mes sen remuneración ningunha na construción do futuro aeroporto. O tranvía era o medio de transporte utilizado polos vigueses militarizados para chegar a unhas obras que, como lembra Antonio Giráldez Lomba no seu magnífico libro sobre os tranvías de Vigo, quedaron na memoria do noso cancioneiro popular: "O chegar a Peinador, / o primeiro que se ve, / carretilla, pico e pala / e porrón… para beber. / Se vas a Peinador, / mira qué vas facer, / pois vas a traballar / e non vas a comer." Unha prestación persoal que podía ser redimida –só por uns poucos, ben adiñeirados– pagando en 1937 doce pesetas á Junta del Aeropuerto de Vigo.

A apertura da primeira liña regular do aeroporto de Lavacolla en 1937, que unía Santiago, Salamanca, Valladolid e Zaragoza, adiou o ritmo dos traballos de Peinador, que serían recuperados unha década despois. Mágoa que daquela se desbotase o fermoso proxecto de terminal de Jenaro de la Fuente, de inequívoca xínea racionalista, que quedou como outras posibles alfaias viguesas no territorio da nosa arquitectura de papel. Tras a posta en marcha da liña de Aviaco con Madrid no 54 e con Barcelona no 58, o pulo industrial vigués foi tirando de Peinador, que cada década foi sometido a obras de ampliación da terminal de viaxeiros e dos servizos de axuda á navegación. En 1981, tras a primeira ampliación da lonxitude da pista, iniciáronse os voós internacionais, aínda que habería aínda que agardar ao pulo económico da década dourada (1998-2008) para asistir a un crecemento espectacular do tráfico da terminal viguesa, que en 2007 acadou a cifra dun millón catro centos mil viaxeiros, liderando o ano seguinte o tráfico dos tres aeroportos galegos no que atinxe ao número de usuarios das liñas que unen Galicia con Barajas.

Hoxe Peinador sofre a crise máis importante da súa historia. Tras uns anos extraordinarios, os efectos da crise económica e da competencia das terminais internacionais de Porto e Compostela (onde se estableceron bases de liñas aéreas de "prezos reducidos") deixarán a terminal viguesa este ano por baixo do millón de usuarios. Un resultado que terá dúas importantes consecuencias: a redución do número de conexións, tanto coas terminais españolas como as internacionais, anunciada polos operadores para esta tempada de inverno e para a da vindeira primavera; e o aumento apreciable do prezo dos billetes e da ocupación dos avións por traxecto, feitos dos que se fala en voz baixa, mais que xa se veñen producindo nestes últimos días, onde por algún billete de ida e volta a Madrid pode chegar a pagarse unha cantidade moi próxima aos 500 euros. En definitiva, se non mudan as cousas, desde Peinador teremos menos voós e billetes máis caros.

Non é doado atopar unha receita máxica que permita darlle volta a este carpín. Fracasado o modelo de reparto do comité de rutas entre as tres terminais aeroportuarias –deseñado polo Partido Popular para avalar as axudas que recibe Lavacolla, concibido como aeroporto internacional de Galicia–, a oferta de Peinador debe procurar a súa singularidade dentro do modelo centralizado sobre Barajas e El Prat de tráfico áereo español e dun número moi reducido de enlaces europeos, singularmente o de Charles de Gaulle e o de Heathrow. Na potenciación desas poucas rotas estratéxicas (Madrid, Barcelona, París e Londres), que permiten en menos de tres horas conexións dende Vigo cos cinco continentes (o que pode ser importante, tamén, para converter o porto en base de cruceiros), e na potenciación do tráfico de mercadorías pode residir a recuperación de Peinador.

bretemas@gmail.com