Para algúns comentaristas é un lugar común afirmar que Vigo ten tres alcaldes: o do Campo de Granada, o das Avenidas e o do recheo de Bouzas. Un xeito irónico de expresar a escasa cooperación institucional, cando non aberta competencia, entre as tres administracións (o Concello, a Autoridade Portuaria e a Zona Franca), que operan sobre a nosa cidade. Nin sequera aqueles triunviratos monocores dos anos da movida (Manuel Soto na praza do Rei, Elena Espinosa no porto e Francisco López Peña na Zona Franca) ou dos noventa do ciclón fraguista (Manuel Pérez, Juan Corral e Pablo Egerique) foron capaces de que estas tres institucións –tamén tres administracións, local, autonómica e estatal– artellasen un sólido proxecto de desenvolvemento estratéxico para o Vigo Metropolitano.

Coa moi honrosa excepción do fito senlleiro do proxecto "Abrir Vigo ao Mar" nos anos noventa, financiado pola Zona Franca, mais concibido polo goberno tripartito presidido por Carlos G. Príncipe, e comezado a executar sendo alcalde Manuel Pérez, magoadamente non existiu na nosa cidade portuaria un modelo de cooperación estable entre estas tres institucións. Máis aínda, durante a pasada década, xa retirada a Zona Franca da pelexa polo liderado do proxecto vigués, unha loita a cara de can estableceuse entre os responsables do porto e do concello. Cando Corina Porro presidía en minoría a corporación municipal (2004-2007), Abel Caballero dende a Autoridade Portuaria (2005-2007) disputáballe o liderado no deseño urbano do perfil litoral; cando Caballero presidía o goberno municipal de coalición, Porro dende o Porto (2009-2011) dirixía a súa estratexia para recuperar a alcaldía. Unha loita estritamente política que, sen dúbida, pexou tanto no óptimo funcionamento das actividades portuarias, onde está unha boa parte da actividade económica metropolitana, como no desenvolvemento urbanístico da beiramar, o espazo de lecer e encontro preferido polos vigueses.

O fallo recente do Xulgado Contencioso-administrativo de Vigo, que dá a razón ao Concello sobre a paralización da reforma das naves do Berbés, que Corina pretendeu transformar en restaurantes e logo en Museo do Porto, ademais de solucionar un conflito urbanístico, ten gran importancia política xa que amosa a imposibilidade da Autoridade Portuaria de actuar sobre os espazos portuarios de forma unilateral, sen contar coa preceptiva licenza outorgada polos técnicos municipais. Un fallo que, xunto ao rotundo fracaso da estratexia trampolín de Porro de auparse dende as actuacións do porto á alcaldía, debería liquidar de vez esta competencia interinstitucional, só atribuíble aos intereses de partido, mais tan paralizante para os intereses xerais da cidadanía. Dalgún xeito, con este fallo (e outros que, previsiblemente, virán) tamén queda superado o modelo do triunvirato institucional, e só o alcalde elixido polos votos dos veciños ostenta a lexitimidade de representar o proxecto urbano en todo o límite municipal, incluído o do perímetro do porto. Dificilmente poderá Ignacio López Chaves, o novo presidente da Autoridade Portuaria, continuar coa estratexia da súa predecesora de facer oposición municipal dende a súa cadeira da Praza da Estrela, cando sabe, ademais, que o seu partido ten moitas posibilidades de poñer en moi serias dificultades a unha alcaldía, condicionada polos nacionalistas a gobernar en minoría.

No entanto, moitas e importantes tarefas debe enfrontar López Chaves, neste momento de crise da economía metropolitana, onde é imprescindible a achega portuaria. Non lle vai ser doado –aí temos a crise brutal que está sofrindo o aeroporto de Peinador– desbloquear o proxecto da autoestrada do mar, que debería unir de forma permanente o porto de Vigo co bretón de Sant Nazaire. Como tampouco o será o de solucionar os problemas existentes para a posta en marcha da PLISAN, a plataforma loxística de Salvaterra, promovida pola Autoridade Portuaria de Vigo, xunto coa Zona Franca e a Consellaría de Medio Ambiente. Como tamén se poñerá a proba a súa capacidade proactiva para abrir un diálogo amplo co Concello, tanto co goberno municipal como cos grupos da oposición, de cara a acadar ese consenso necesario sobre o Plan de Usos do Porto, que poña de vez orde no actual caos existente nos terreos portuarios, onde se mesturan actividades, que moi pouco teñen que ver coa actividade produtiva vinculada ao mar, e garantice un crecemento das instalacións portuarias (o que non debería supoñer novos recheos) compatible coa protección medio ambiental da ría. Sen esquecer, que Chaves deberá abordar temas de interese cidadán como a mellora do transporte de ría ou a apertura das instalacións portuarias para o lecer dos vigueses. Moita faena, don Ignacio.