A Consellaría de Educación aproveitou o cansazo da fin de curso para anunciar unha medida moi polémica: a ampliación en catro horas do horario lectivo do profesorado de infantil, primaria e educación especial. O conselleiro Jesús Vázquez desenténdese así do acordo que sobre a xornada de traballo docente o Goberno galego asinará en 2007 con todos os sindicatos do profesorado. Unha medida aparentemente inocente, presentada apenas como unha reordenamento técnico do horario lectivo, mais destinada a reducir o cadro de profesorado interino e substituto da rede pública, en máis dun milleiro de prazas, segundo estimacións sindicais. Un recurte que, sen dúbida, ocasionará dificultades e problemas a cada unha das comunidades educativas dos centros públicos para manter a calidade do seu servizo.

Tras as imposicións unilaterais dun novo modelo lingüístico nos centros e dunha lei de convivencia e participación, que non contan nin sequera co apoio do Consello Escolar de Galicia, órgano representativo dos diversos sectores da comunidade educativa (profesorado, familias e as propias administracións), a poucos pode extrañar a forma publicitaria escollida polo equipo de Vázquez para argallar o que o deputado socialista Guillermo Meijón definiu como un “ERE da escola pública galega” e vendelo á sociedade como unha medida coa que se pretende que “o profesorado recupere horas lectivas para dar máis servizos e optimizar recursos que garantan a calidade do ensino”. Adobiada na linguaxe propia da mercadotecnia política da “consecución da excelencia” e das retóricas “reclamacións dos pais”, como argumentos de maior autoridade, esta medida supoñerá de facto que algúns colexios públicos galegos reducirán de forma significativa o seu número de profesores e profesoras, un feito que non pode ser considerado como un “indicador de calidade”. Outrosí sucede coa obriga dos claustros de ocuparse dos períodos de “custodia” do alumnado usuario do transporte escolar -unha cuestión que merecería outra solución educativa e asistencial que non fose responsabilizar ao profesorado- abrindo así unha perigosa fenda na especialización dos docentes e unha inxusta e inadmisible sospeita social sobre o seu compromiso con cadansúa comunidade.

Esta medida, cualificada como “abuso”, mesmo por ANPE-Galicia, supoñerá que non se crearán o milleiro de prazas docentes previstas no convenio asinado con todos os sindicatos en 2007, ao tempo que continuará a política de amortización de parte das xubilacións que se vaian producindo cada curso. A eliminación de ciclos formativos, os recurtes nos comedores escolares, a paralización da extensión do programa de apertura dos centros fóra do horario lectivo, o peche das escolas unitarias, a sorpresiva posta en marcha dos centros integrados de FP, a redución dos programas de formación do profesorado constitúen un programa político de subsidiarización da rede de ensino público, á que o actual Goberno galego pretende transformar en complementaria, alí onde exista unha rede privada concertada que compita con ela.

Reducir o gasto en profesorado da rede pública, ignorar o criterio dos sindicatos docentes e desprezar o valor dos consensos das comunidades educativas, como pretende o equipo de Jesús Vázquez, non é a estratexia máis eficaz para facer fronte aos retos dun sistema educativo como o galego que mantén unha taxa de fracaso e abandono escolar (26%) absolutamente inaceptable pola sociedade; mesmo, a pesar de mellorar á media española (31,2%) e case duplicar a dos países da Unión Europea (14,4%). Ás autoridades educativas galegas, como as do resto das comunidades autónomas, non poden esquecer que elas son as responsables de acadar o compromiso da estratexia “Europa 2020 para o emprego e o crecemento”, un documento que establece para todos os estados membros, antes de finais desta década, unha taxa de abandono escolar no ensino obrigatorio por baixo do 10%, porcentaxe xa acadada en países como Austria, Finlandia ou Dinamarca. Para a Comisión Europea este obxectivo, no caso español moi vinculado coa loita contra o desemprego xuvenil, é asumible se todos os estados o consideran como estratéxico nas súas políticas públicas, o que supón, inevitablemente, que deben investir máis recursos en educación. Xusto o contrario do que se pretende facer aquí.

Os responsables políticos equivócanse se coa intención de salvar a saúde dos bancos alemáns e franceses, onde probablemente están as primeiras e máis poderosas razóns da catástrofe financeira do euro, hipotecan o futuro do noso sistema educativo. Saben, e non poden agochalo, que reducir a taxa de fracaso escolar é unha responsabilidade tan estratéxica como reducir a taxa de endebedamento das contas públicas.

bretemas@gmail.com