A maioría das caixas de aforros deixarán de selo antes do verán. O anuncio da ministra de Economía de introducir novos e moi esixentes criterios de solvencia non deixa lugar a dúbida ningunha: rematado o proceso de concentración que reduciu en 2010 o número de caixas, iníciase a segunda fase, a de bancarización. Péchase así un planificado proceso de reconversión que transformará a estas entidades territorializadas de economía social en bancos. Amparado o Goberno, e contando co apoio da oposición conservadora, nos argumentos da crise da débeda soberana española e das dificultades do conxunto do sector financeiro (tanto de bancos como de caixas) -sen dúbida, froito dos excesos da década da burbulla inmobiliaria, en boa medida ignorados pola laxitude no seu control por parte das autoridades do Banco de España- acádase o obxectivo perseguido polo “lobby” bancario privado de desfacer unha rede de caixas que na actualidade supón unha durísima competencia para o seu negocio, xa que conta coa metade do mercado en España.

Semella que neste proceso privatizador das caixas, un dos obxectivos é reconducir as fusións intrarrexionais, como a que supuxo a creación de Novacaixagalicia (NCG). É cada vez máis evidente que ao Goberno e ao Banco de España do poderoso MAFO non lles chistan estas novas caixas fusionadas sen acudir a fórmula do SIP desterritorializado, e polo tanto, á creación dun banco. Razón que explica a actual esixencia a estas novas caixas duns criterios para o seu capital de calidade moi superiores aos requiridos aos bancos e aos asumidos nos seus protocolos de fusión ao abeiro dos acordos de Basilea III. Unha decisión que compromete o futuro de NCG, mais tamén unha medida que supón un retroceso para o autogoberno galego, xa que esta bancarización da nosa caixa deixaría en papel mollado unhas das competencias exclusivas recoñecidas no artigo 30 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Sería para botarse a chorar que Galicia quedase sen un sector financeiro propio, xa que este é unhas condicións indispensables para a súa vertebración de país. Como sería dramática a exclusión financeira que podería provocar a desaparición da rede territorial da caixa, mesmo en prazas onde sabemos as súas sucursais non son rendibles, unha función social esencial que achega servizo a milleiros de libretistas humildes, pensionistas, comerciantes, pequenos emprendedores dos máis diversos sectores económicos e pequenas e medianas empresas moi pegadas á economía cotiá de cada comunidade local. Como sería terrible para o funcionamento dos nosos aínda precarios servizos sociais de atención aos maiores, dependentes ou persoas con descapacidade prescindir do apoio da súa obra social. Como sería brutal para o sector da cultura non contar co soporte da Fundación Novacaixagalicia e da programación das diversas expresións das artes, da nosa lingua e da nosa cultura ofrecida na completísima rede de centros culturais da entidade. Se a nosa caixa deixa de selo e se converte noutro banco máis, afastado do territorio e sen outro corazón que obter o máximo beneficio, quen e como se cubrirán as súas funcións actuais?

No marco das esixencias ineludibles requiridas polo Goberno e polo Banco de España, cómpetelle aos xestores de NCG a responsabilidade de artellar coa maior premura unha solución que atenda tanto a dimensión financeira e política como social e cultural que ten a entidade. Unha solución que asegure a súa galeguidade e solvencia permitíndolle así continuar co seu papel esencial na nosa economía social. O xestores de NCG poderán escoller entre varios camiños. O primeiro e máis desexable, apostar por continuar sendo unha caixa, abrindo o seu capital a cotas participativas suscritas por entidades privadas (empresas e particulares) e públicas (mesmo a Xunta de Galicia). O segundo e máis complexo, promover a creación dun novo banco e unha fundación para a xestión da súa obra social e cultural, unha solución semellante á anunciada por “La Caixa”. Dúas saídas en clave galega, que non deberían ser imposibles nun país que conta con cinco das maiores fortunas privadas de España, que, até agora, teñen recibido bastante máis do país dos galegos do que elas lle teñen achegado. De non seren viables estes dous escenarios orientados con sentido galego, á NCG quédalle a posibilidade de integrarse nunha SIP con outras caixas, o que suporía a súa desterritorialización e bancarización, ou agardar a ser nacionalizada despois do verán e, máis tarde, vendida xa ao mellor postor. Neste difícil e complexo proceso, o papel facilitador e integrador da Xunta de Galicia e dos partidos políticos é vital para xerar apoio cidadán e confianza nos investidores. Estamos diante doutro reto determinante para o futuro do noso autogoberno.

bretemas@gmail.com