Opinión | Sí Home Sí
A columna navideña
Xosé Manuel Pereiro
Nas series de televisión norteamericanas houbo sempre un episodio que corresponde ao Nadal, aínda que logo aquí se emita cando se emita. Ás veces o asunto é de espírito navideño, e noutras ocasións unicamente de ambiente (Santa Claus e todo iso). Eu, nestas columnas e por estas datas, traballo, como moito, a variedade ambiente, pero nesta ocasión voume mergullar de cabeza na opción espírito (xa saben, hemorraxias de alegría e sentimentos positivos a esgalla). Non teño outra porque o pequeno trouxo na mochila unha nota da dirección do colexio na que, a maiores das típicas ofertas para tentar encher o ocio vacacional, había unha mención a unha campaña posta en marcha pola Asociación de Nais e Pais chamada "Axúdanos a axudarte". "Calquera familia que atravese unha situación delicada e precise axuda, pode poñerse en contacto coa ANPA ou coa dirección do centro, e intentaremos axudarlle, sempre de xeito confidencial", dicía a nota. Non teño outra que confesar o orgulloso que me sentín en concreto dos pais e nais dos compañeiros do meu pequeno, e en xeral –como me apuntou a nai concreta do meu neno– dese colectivo máis amplo que é o ensino público.
Orgulloso en concreto porque se me deran a escoller entre a caridade ou a solidariedade e a xustiza social –entre tentar procurala, vamos–, escollería sempre o segundo. O malo é que non dan moita opción a escoller. O bo é que a solidariedade, aínda que non sexa unha emenda total ás desigualdades, contribúe a reducir algunhas, e é unha vía de dúas direccións. Beneficia a quen axuda e a quen é axudado. E se xa me parece encomiable a xente que pon o seu tempo e o seu esforzo en asumir tarefas comunitarias, parécemo moito máis cando esa colaboración non é especificamente para obxectivos escolares. Orgulloso en xeral polo que demostra que iso que se chama "comunidade educativa" é algo máis que un deses nomes rimbombantes que ten todo o relacionado co ensino. O colexio de "Axúdanos a axudarte" está rodeado de chalés e adosados, pero nas aulas hai nenos –familias, vamos– de case todos os tramos fiscais. Cando din que os cativos renden máis canto máis homoxéneo –en posición social ou en xénero– sexa o grupo educativo no que están integrados, non digo que non. Tampouco está demostrado que a igualdade nos faga máis eficientes, e se está aceptado na teoría que todos os seres humanos teñen os mesmos dereitos é por unha cuestión de xustiza.
Aínda no caso que renderan máis educativamente (as notas de selectividade din o contrario, pero non vou discutir iso, lembren o do espírito navideño), teño moitas dúbidas de que reciban mellor formación en todos os ordes da vida que aqueles que comparten aula e xogos con nenos de todo tipo, cos que teñen nais/pais que axudan e cos que necesitan ser axudados. Mesturados os que volven das vacacións contando todos os sitios aos que os levaron seus pais e os que –como me dixo unha vez aquela excelente persoa que foi a deputada do PP Elisa Madarro– suspenden a propósito para que na casa non teñan que mercar libros novos. E se me apuran, orgulloso porque agora que a xente está deixando de relacionarse nos espazos públicos tradicionais (as igrexas, as prazas e mesmo nos bares), parece que busca outros espazos onde interactuar. Que Facebook está moi ben, pero tamén que os colexios sexan algo máis ca eses sitios onde non hai maneira de aparcar cando imos depositar ou recoller aos pequenos.
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Un buque de Grimaldi pide asistencia entrando en Vigo al quedarse sin motor frente a Monteferro
- La batalla de los sacerdotes enamorados: 'El tabú se está rompiendo y no nos vamos a rendir
- Retiran la incapacidad absoluta a un operario del Naútico con mieloma: «Puede trabajar en ambientes sin contaminación»
- La Guardia Civil aborta una macropelea con más de medio centenar de menores en Cangas
- Muere abrasado por las llamas dentro de su vehículo en Redondela
- La famosa plaza de Vigo que nadie llama por su nombre real: una historia de cambios
- Como si estuvieras en Francia: la pastelería de Cangas que te transportará en el primer mordisco