22 de noviembre de 2010
22.11.2010
Campo do Fragoso

Herrera acertou

Manuel Bragado

22.11.2010 | 07:30

Despois de cinco xornadas consecutivas sen gañar, o Celta despexou calquera tipo de dúbidas da bancada e dos rivais obtendo unha clara e merecida vitoria fronte o Albacete, un equipo que até agora nunca saíra vencido nas súas visitas a Balaídos. Semella que por un descoñecido fado os fortes ventos deste novembro das borrascas non lle foran propicios ao conxunto de Herrera que sen perder a calidade no seu xogo, comezaba, porén, a correr o perigo de quedar curtado desa tan difícil competencia polos dous postos de ascenso directo, as únicas posicións nas que os seareiros situamos as súas angueiras. Onte, abofé, que traballaron arreo e non decepcionaron. Como é adoito, a saída celeste foi electrizante. Aos dous minutos, xa estaban por diante grazas a un magnífico roubo de balón de Murillo que permitiu a David, tras un caneo seco, superar ao seu marcador e cruzar un xute que batía ao gardarredes manchego. O gol temperán do noso pichichi, que levaba seis xornadas sen mollar, deulle azos ao Celta. Durante trinta e cinco minutos amosouse moi superior a un rival que durante ese tempo apenas chegou nunha ocasión; os célticos, pola contra, fabricaron unha decena de ocasións que, mágoa, non foron recompensadas polo froito devecido do gol. O Celta, ben colocado, ben dirixido dende o centro da defensa por Jonathan Vila e Catalá, presionaba con intensidade solidaria no medio campo do rival, provocando en cada anticipación de Bustos ou Murillo que os dianteiros elaborasen chegadas con moita pementa. Así chegou a súa serie habitual de goles cantados: un globo de De Lucas e outro seu xutazo que non entrou por centímetros, como esoutros pexegazos de Álex que Keylor despexou a puñadas. Eis, o grande acerto deste Celta capaz de provocar nas primeiras medias horas unha auténtica ventoleira de oportunidades. Eis, tamén, o seu maior problema, a súa incapacidade para ampliar o marcador con claridade durante ese período de fortaleza, o que sempre o leva a meterse en dificultades moi serias. Onte chegaron da man do colexiado balear que no minuto 38 asubiou un penalti existente só no maxín do seu despistado xuíz de liña. Abengozar transformouno con dificultades (Falcón estivo a piques de deterllo) e celebrouno con insólita e antideportiva chulería, o que provocou a indignación da bancada e, o que foi peor, desconcentrou aos de Herrera abatidos por semellante inxustiza. Tras a reanudación, semellaba que se ía repetir o guión do partido do Betis, xa que o Albacete comezaba a perderlle totalmente o respecto aos nosos que comezaron, tamén, a dar mostras de febleza defensiva. Aí estivo a clave do partido. Herrera fixo tres trocos en nove minutos, modificando o debuxo táctico. Colocou tres centrais na defensa, subiu a Álex López ao mediopivote e abriu a dianteira polos extremos coa entrada no lameira de Aspas e Abalo. En vinte e cinco minutos o Celta deulle a volta ao carpín con facilidade. Así chegaron dous goles extraordinarios, primeiro o de Joan Tomas tras un centro de David; logo, unha obra de arte fabricada polos caneos de Aspas que soubo centrar no momento oportuno para que Trashorras golease de cabeza. Non hai dúbida que Paco Herrera acertou, os seus trocos foron o bálsamo que precisaba un equipo cando estaba máis dolorido. Parabéns para o míster.
bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook