22 de noviembre de 2010
22.11.2010
40 Años
Campo de Granada

Cidades amigas da infancia

Manuel Bragado

22.11.2010 | 07:30

O sábado conmemorouse a data na que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a "Declaración Universal dos Dereitos do Neno" en 1959 e a "Convención sobre Dereitos do Neno" en 1989, o único tratado de dereitos humanos aprobado con carácter vinculante por todos os países do mundo, coa excepción dos Estados Unidos e Somalia. Unha data, o 20–N, fixada como "Día Universal dos nenos e nenas". Dende que a Asemblea Xeral da ONU recomendará, xa en 1954, que os seus membros creasen un "Día Universal da Infancia", esta xornada dedicouse a divulgar os dereitos da Infancia e a promover o benestar dos nenos e nenas. No entanto, dende 2000, tras a aprobación por parte dos líderes mundiais dos "Oito obxectivos de desenvolvemento do Milenio", algo así como "os obxectivos que debería acadar a humanidade até 2015", a data tomou un novo pulo xa que seis destes obxectivos incumben directamente á infancia: dende a redución á metade da pobreza estrema e da fame, pasando por reducir a mortalidade infantil, promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller, combatir o VIH/SIDA e outras doenzas, até a consecución do ensino primario universal para todos os nenos do planeta antes de 2015.
É indubidable que ao longo destes últimos cincuenta anos producíronse avances para a Infancia no mundo, porén a situación continúa a ser abonda desoladora, como amosan as denuncias realizadas estes días por Nacións Unidas e diversas ONGs: 300.000 mil nenos son empregados como soldados, aínda son millóns os afectados por conflitos armados que os expoñen á violencia e lles arrebatan a súa inocencia; máis de 100 millóns son os nenos que non asisten á escola primaria; 9 millóns os que morren antes dos cinco anos por mor de deficiencias sanitarias e 2 millóns os infectados de VIH; 215 millóns os que traballan para sobrevivir, dos cales 80 millóns fanno na rúa; 14 millóns de nenas son nais antes dos dezanove anos, 120.000 nenas son utilizadas como escravas sexuais, ademais de continuar as lacras da venda de menores, a prostitución e a pornografía infantil. Unha situación indignante que afecta a países do mal chamado Terceiro Mundo, mais que non pode agochar as dificultades da nosa propia sociedade, incrementadas polo impacto da crise económica que aumenta a desigualdade sobre a infancia.
As conclusións do informe de UNICEF sobre a "Infancia en España 2010–2011" non pode ser máis desacougantes: case dous millóns de nenos están en risco de pobreza relativa, o que quere dicir que viven en fogares que teñen uns ingresos inferiores ao 60% da media (a maioría familias numerosas ou monoparentais en situación de desemprego ou emprego precario); un dato alarmante que sitúa á España á cola dos 27 países da Unión Europea, só superada por Rumanía, Bulgaria, Letonia e Italia. Como alarmante continúa sendo a violación dos dereitos da infancia por parte dalgunhas televisións privadas, a situación de desamparo dos nenos inmigrantes ou que a porcentaxe de abandono e fracaso escolar dos nosos menores, a pesar das continúas reformas educativas, duplique ao da media europea. Por incrible que pareza nun país onde semella que os máis pequenos teñen todos os caprichos, a España quédalle moito por facer no eido das políticas sobre a infancia e a familia, nas que inviste apenas o 0,7% do PIB, a cifra máis baixa da UE (xunto a de Grecia), moi lonxe da media europea do 2,3%. Neste período de crise, que semella vai ser longo e duro, é preciso –como solicitan UNICEF e outras ONGs– que a infancia pase a ser unha prioridade das politicas sociais.
Ábrese un desafío para os partidos políticos que nas próximas eleccións municipais deberían asumir compromisos concretos sobre os dereitos da infancia, na liña do programa "Cidades amigas da infancia" concibido por UNICEF para pular e aplicar a Convención de Dereitos da Infancia no eido local. Este programa de espírito municipalista, asume a necesidade de que cada concello conte co seu Plan de Infancia Municipal, o seu Consello Municipal de Infancia e un orzamento específico destinado ás actividades e programas municipais dirixidas aos nenos e nenas. As Cidades Amigas da Infancia, hoxe máis de medio centenar en todo o Estado, –mapa na que até o momento en Galicia só participan de forma moi incipiente os concellos da Coruña e Caldas de Reis–, constitúen unha rede que concibe as políticas municipais de infancia de xeito transversal, xa que afectan a boa parte das concellarías e servizos municipais dende o Urbanismo (parques infantís e espazos de lecer), Educación (comedores escolares, bolsas, escolas infantís, servizos da cidade educadora), Cultura (bibliotecas), Servizos Sociais ou Deportes. Vigo, cidade pioneira da rede de cidades educadoras, non debería quedar fóra de tan interesante programa.
bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook