Unha efeméride tan sinalada coma esta, alén das celebracións pertinentes, compre aproveitala co establecemento de foros onde analiza-lo pasado pra aprender del, pra folgarnos das moitas cousas boas que fixemos os vigueses (grazas Antonios e Agustíns!), ó tempo que, con ánimo de rectifica-lo que sexa posíbel, reflexionamos sobre os erros cometidos e as eivas que nos teñen deparado. Ó tempo, e a partir das análises anteriores, deberiamos estuda-las prospectivas sobre as que proxecta-lo noso futuro.

¿Cales son as nosas principais virtudes do pasado próximo e do presente? Pra min, a principal virtude de Vigo ten sido actuar coma un fantástico crisol de acubillo no que se fundiron as esperanzas, ambicións, esforzos e culturas de moitas xentes chegadas de fóra, mesmo de alén de Galicia, pra se converteren en auténticos vigueses. O resultado é que somos un pobo emprendedor, loitador e leal que medrou de xeito exponencial.

¿Cales son as nosas carencias principais do pasado inmediato e do presente? Debido á obrigada brevidade desta escrita, quero deixar hoxe un só apunte coa arela de que nos poñamos ó labor de chantar un fito senlleiro cara ó noso futuro: a eiva máis evidente que temos é a falla de certas institucións políticas propias pra gobernarnos axeitadamente. Conseguir cada anaco de oficina de non sei que institución tenos custado anos e anos de suores e sufrimentos sen conto. E mesmo así aínda temos unha notabilísima deficiencia institucional na nosa área!

Ningún colectivo humano pode avanzar sen un esquema organizativo axeitado e Vigo non o ten. Por iso ou se suprimen as anacrónicas organizacións provinciais e se substitúen por outras comarcais e metropolitanas, que sería o ideal pra Vigo e pra Galicia, ou se os dous grandes partidos estatais teñen decidido, como así parece, mante-las organizacións provinciais, necesitámo-la provincia de Vigo co gallo de poder acadármo-las dotacións institucionais e administrativas que precisamos, indispensabelmente, pra podernos desenvolver axeitadamente. O demais son desculpas coas que algúns pretenden substituí-lo que precisamos, e merecemos, por sucedáneos de segunda ou terceira división que nunca, nunca, nos resolverán o problema de fondo.

Isto sábeno case tódolos políticos e responsábeis institucionais, só que poñen por diante a obediencia ós seus cumios antes que… (por que non loitar con firmeza e teimosía no fondo e moderación nas formas?) Saiban todas e todos que o día que nos poñamos a elo, libres de medos e egoísmos, conseguirémolo. Seguro!

Fun o primeiro en traballar pola consecución da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e sigo a pensar que o mellor futuro pra Vigo está precisamente en se converter na súa cabeza vertebral. Mais pra iso temos deberes que cumprir, de xeito moi principal acadármolas sedes institucionais antes citadas.

Viguesas e vigueses, compre soñar e albiscar un futuro mellor pra podermos conquistalo. Con que derradeiro obxectivo?

Sigo a cavilar nas miñas vellas arelas de loitar polo obxectivo, intemporal e permanente, de acadarmos un Vigo e unha Galicia na que tódalas súas mulleres e tódolos seus homes perciban que poden aspirar, con total liberdade, a construír un proxecto de felicidade individual e colectivo. Se esa percepción se instalase nos nosos corazóns e nos nosos miolos, gañariamos un futuro esplendoroso.

Por se acaso aquí deixo as miñas mans tendidas pra ser da partida dos que queremos, de verdade e sen egoísmos, axudar a conseguir ese gran Vigo…