Nin que dicir ten, este modesto cronista entende ben que, a estas alturas, han de estar todos vostedes ao cabo da escentilante noticia: velaí que, segundo Gerardo I (Díaz Ferrán) da CEOE e nada de nada do Grupo Marsans, o que de veras lle cómpre facer nestes tempos revoltos -e sen amor- que habitamos consiste en traballarmos máis para cobrar menos: de certo, toda unha moi clarificadora enunciación de principios por parte do (aínda!) presidente da patronal española. “E as vacacións?” -houbo aínda algún inxenuo a preguntar-. “As vacacións en barco; máis exactamente nun cruceiro polo océano Atlántico, a bordo dun vapor negreiro e facendo a travesía entre Ghana, Senegal e mais os campos de algodón, azúcar e tabaco de Alabama ou Cubita linda.”

“Escoita, Dude, e isto vai tamén para ti, Colorado. Xa sei que é difícil, pero podes conseguilo” -explicáballe o sheriff John T. Chance/John Wayne ao seu borrachuzas axudante Dude/Dean Martin e mais a esoutro improvisado axente da lei, Colorado Ryan/Ricky Nelson, (Stumpy/Walter Brennan sempre ao fondo) en “Río Bravo”, o célebre film que o xenial Howard Hawks dirixiu aló por 1959-. “Veredes. É realmente díficil, pero este é un gran país. Se traballa forte e duro, un home pode acadar nel todo o que se popoña”.

“Forte e duro”; “este é un gran país…” Uns anos máis tarde, concretamente a mediados dos felices? sesenta, o inconmensurable, inefable e inenarrable Raphael seguía a proclamar algo parecido desde a función da gala de Nadal, que cada ano se celebraba no escenario do Teatro Calderón de Madrid, auspiciada pola señora esposa do xeneralísimo dos exércitos e caudillo invicto de España, Carmen Polo de Franco. “Señora -murmuraba máis que dicía o xenial ídolo de multitudes-. Yo sé cantar alto, pero hablar bajito.”Acto seguido, entre “Yo soy aquel” e “Digan lo que digan”, Rapahel debullaba as estrofas de “La canción del trabajo”, un texto que, ademais, tamén podía sevir para amenizar esoutra gala sindical do 1º de maio no Santiago Bernabéu: “Arrastrar la dura cadena,/trabajar sin tregua y sin fin/es lo mismo que una condena/que ninguno puede eludir./El trabajo nace con la persona,/va grabado sobre su piel/y ya siempre le acompaña/como el amigo más fiel.”. Non faltou, ou falta, -trampas da nostalxia- quen afirmase/afirme aquilo de que “contra Franco viviamos mellor.” Sexa como for, o que si é certo é que cantar, cantabamos -o gran Nino Bravo á marxe- moitísimo peor.

Moito menos solemne, pero non radical; anunciando, sen el sequera sabelo, a post-postmodernidade descreída, impía, acomodaticia e chuletas, outro inconmensurable, inefable e inenarrable ídolo de multitudes, o (infelizmente) xa desparecido Luis Aguilé. retrucou, unha década adiante no tempo -máis exactamente, no medio e medio da chamada “Transición”- aqueloutros versos: “Es una lata el trabajar,/todos los días te tienes que levantar./Aparte de esto, gracias a Dios,/la vida pasa felizmente si hay amor.” Insisto: como ben se bota de ver, non sei se en cuestión de grandes voces, pero si que no contido poético das baladas, a cousa mellorou moitísimo coa chegada dos novos e democráticos tempos.

Iso si, mellorou… até agora. En pleno revival do thatcherismo e/ou doutros “ismos” moito máis perigosos -entre eles, e cómo non, o propio raphaelismo-, Díaz Ferrán vén de arrebolar semellante arroutada. O problema, evidentemente, non é que D. Gerardo se desmadre de tal xeito; a cuestión é que cabe a moi desacougante posibilidade de que simplemente estea a proclamar en voz alta o que outros moitos dos seus colegas murmuran polo baixo e/ou andan a cismar nas noites de insomnio. Como redargüiría María Antonieta: “Estado do benestar, din? De cal benestar falan? Do deles ou do noso? Porque se do que falan é do noso benestar, aí si que estou completamente de acordo. Cando ao benestar deles… se non teñen con que amasar pan, que fagan coma min, que coman pasteis!”

Hai xa moito tempo que Paul Lafargue publicou o seu “O dereito á preguiza”. Como, sen dúbida, coñecen ben todos Vdes., non se trata de ningunha sorte de apoloxía da vagancia improdutiva e si, polo contrario, dunha denuncia do sobreconsumo, da presenza dunha clase doméstica de consumidores improdutivos ou da creación de necesidades e mercados fictios por parte do capitalismo. A ruína de empresas e empresarios, o paro e mais a miseria xorden nesas páxinas como unha triste profecía. Fronte a tal, álzase o dereito ao benestar, o tempo de lecer para as artes, a cultura… en fin, a culminación da revolución social. Dito en frase do gran Raphael, “escándalo, es un escándalo”. Os coros, naturalmente, de parte de Díaz Ferrán.

xrpena@galicia.com