Como Presidente da Xunta e como cidadán de Vigo, propóñolles actualizar con motivo do noso bicentenario a gran lección que nos legaron os nosos antepasados, que demostraron que o entusiasmo colectivo é o que pode axudarnos a superar con maior facilidade as dificultades.

Non en van, se Vigo deixou de ser unha pequena vila de mariñeiros e se converteu nunha das urbes máis modernas e industrializadas do noso país é porque en moitas xeracións de vigueses frutificou unha idea. É a mesma que inspirou a Cachamuíña e aos seus contemporáneos para librarse dos franceses e podería definirse cos tres adxectivos que acompañaron o seu nomeamento como cidade: Vigo foi, é e será fiel a se mesma; leal con Galicia e con España; e valorosa para lograr todos os retos que se propoña.

Celebremos que a sagacidade popular que triunfou en Vigo hai 200 anos prolongue os seus efectos ata o día de hoxe. Porque, do contrario, non sería posible que aquí se construísen algúns dos liderados máis importantes da nosa comunidade, como na automoción, o naval ou o sector pesqueiro.

Pero sería un erro pensar que unha cidade como esta cumpriu todas as súas expectativas. Ao revés, ten aínda grandes proxectos de futuro; pero tamén un modelo en que ollarse e que está vixente desde fai 200 anos. Sen triunfalismos inútiles, podemos dicir que o espírito deste bicentenario acompañounos con notable éxito nos últimos meses.

Se fomos capaces de converter as ameazas de fai só uns meses en garantías de que Vigo terá unha gran caixa galega, un novo Hospital público, novas autovías, unha ría saneada, ou un Campus do Mar de Excelencia é porque a sensatez da cidadanía se impuxo como fai 200 anos ás friccións propias quizais doutras latitudes, pero non da nosa terra. É oficial o que xa era normal nas rúas e camiños da nosa terra: a cordialidade, a cooperación, o respecto. Gana Vigo e gana Galicia.

Propóñolles seguir ese mesmo camiño. É útil, responde ás necesidades do noso país e serve para emendar as nosas carencias. Chámanse Cidade da Xustiza, Área Metropolitana ou AVE. Temos que superalas e só podemos facelo se o facemos xuntos e confiando nas nosas posibilidades.

Temos o modelo en que ollarnos. Desde hai 200 anos, triunfamos cada vez que o utilizamos, a pesar dos intentos por ensombrecelo con outros exemplos que porfiaron no conflito. Este bicentenario non é, polo tanto, un punto e á parte; senón un simple descanso no camiño. Un camiño de cordialidade e de afán de superación que nos permitiu gañar todas as batallas. Aínda que fose o mesmísimo exército napoleónico.

Así é como soñaron a nosa terra os que creron na súa resurrección nos tempos máis difíciles. Como país acostumado ás peregrinacións, aprendemos que ningunha etapa pode derrotarnos se temos claro cal é o noso destino. Os galegos e os vigueses sabémolo.