O compromiso rotundo do alcalde e do goberno municipal de Vigo de ubicar a nova biblioteca pública na Panificadora é unha extraordinaria noticia que merece todas as nosas beizóns. Tras vinte e cinco anos de resistencia á intemperie, a catedral laica do Vigo do século XX, a icona arquitectónica dunha cidade industrial en estrépito, a esvelta ponte dun barco sen bandeira atracado no Campo de Granada que aseñora o noso skyline será salvada da piqueta e transformada nun espazo público para a cultura, o lecer e o encontro cidadán. Evítase así cometer outra agresión irreversible contra o patrimonio, como se fixera con outras alfaias da arquitectura viguesa desaparecida, dende os mercados da Laxe e do Progreso, a capela de Santa Rita, pasando polos edificios Rubira e Odriozola, até a longa lista de cinemas do século XX.

Tras o anuncio do alcalde e a aprobación por parte da Xerencia de Urbanismo da suspensión de licenzas no soar péchase a posibilidade de desenvolver o proxecto residencial (22.000 metros cadrados en máis de duascentas vivendas), comercial e terciario conveniado en 2003 polos actuais propietarios do edificio co concello e autorizado polo Plan Especial do Casco Vello (Pepri) de 2007. No entanto, cómpre un pouco de cautela e agardar a que se peche con éxito esta operación de recuperación para o público dunha propiedade de elevado valor simbólico (para a que parece existir xa un acordo de compra coa maioría da propiedade), antes de abrir o debate sobre os usos futuros das instalacións e sobre os criterios que guíen o proxecto arquitectónico de rehabilitación para a súa completa recuperación e posta en valor. Será entón cando se inicie unha nova fase no debate sobre o futuro da Panificadora no que haberá que decidir se o concello opta por unha recuperación integral de todas as edificacións actuais, tanto as orixinais de Manuel Gómez Román da década de 1920 como os engadidos posteriores de menor valor arquitectónico das rúas Falperra e Cachamuíña realizados tres décadas despois. Debate ao que non pode ser allea a integración da Panificadora rehabilitada no proxecto de rexeneración do Casco Vello (neste caso da rúa de Santiago e do Paseo de Alfonso) como dos plans previstos para a propia Praza do Rei e para o futuro da actual Casa do concello.

A ubicación na nova Panificadora da nova biblioteca, que se construirá co fondos do Ministerio de Cultura (o custe previsto de máis de oito millóns de euros achegarase en catro exercicios dende 2011 a 2014) e que logo pasará a formar parte da rede de bibliotecas públicas de Galicia, é outro grande acerto. Esta biblioteca de importantes dimensións (case 5.000 metros cadrados construídos) será a dotación cidadá (de uso interxeracional) principal desta pequena cidade da lectura sobre a que podería artellarse unha rede de servizos municipais hoxe espallados en condicións precarias (e custosas) en diversos edificios da cidade. Configuraríase así un proxecto transformador chamado a converterse no emblema urbanístico do Vigo do século XXI, que debería ser asumido sen vacilacións por toda a Corporación, incluídos os membros do Partido Popular, que até agora renunciou a apoiar este tipo de recuperacións dotacionais.

Este rescate da Panificadora abre unha xaneliña de esperanza para continuar co salvamento do pouquiño que queda do patrimonio da noutrora vizosa arquitectura industrial viguesa, desaparecida na súa practica totalidade e da que apenas conservamos na memoria o perfil de edificacións como as de Casa Mar ou as conserveiras de Guixar e Areal. Con todo, aínda permanece en pé conservas Alfageme en Bouzas, edificio debido, tamén, ao xenio do arquitecto galeguista Manuel Gómez Román; como de xeito milagreiro a fachada racionalista da Metalúrxica en García Barbón ou a fábrica de salga de Rivas na rúa Julián Estévez. Tres pezas que non poden desaparecer.

Ende ben, a salvación da Panificadora, un froito da conciencia cidadá sobre a conservación do patrimonio, abre as posibilidades de que o concello adquira outras dúas edificacións emblemáticas: o cine Fraga (propiedade de Caixa Galicia) que debería transformarse en teatro municipal (como teñen o resto das cidades coas que competimos, A Coruña e Santiago); e o colexio Cluny, onde se podería ubicar unha escola infantil pública, dependente da Xunta de Galicia, onde se impartisen as ensinanzas tanto o primeiro ciclo para os picariños de 0 a 2 anos (unha demanda de centos de familias novas do centro da cidade), como as do segundo, trasladando as aulas do Colexio de Educación Infantil da rúa Hernán Cortés, ubicadas precariamente dende hai moitos anos nun baixo dun edificio de vivendas. Dúas oportunidades magníficas que o concello de Vigo no contexto da fusión das caixas non debería perder.

bretemas@gmail.com