Este curso abrirase unha sede da UNED no Casco Vello. A Universidade a Distancia disporá no edificio do Centro Municipal de Formación en Novas Tecnoloxías, situado na rúa San Vicente 3, o que noutrora fora unha das instalacións parroquiais da Colexiata, dunha aula onde se impartirán ensinanzas presenciais dos seus ciclos de acceso á universidade para maiores de 25 e 45 anos. Tan cativa oferta educativa –que situaría a Vigo á altura doutras vilas da provincia como Tui, Arousa e Lalín, ou do país (Foz, Viveiro, Monforte ou A Rúa), que tamén dispoñen de aulas deste tipo– provocou un estouridiño localista na cidade do Lérez pola ameaza que podería supoñer para o futuro do centro asociado da UNED de Monte Porreiro.

Hai razóns de peso avalan a oportunidade de abrir esta sede da UNED no Casco Vello. Primeiro por constituír unha aspiración reiterada dos máis de 3.000 alumnos e alumnas da área metropolitana viguesa (as tres cuartas partes do alumnado do centro asociado de Pontevedra) que de vello veñen reclamando a apertura de varias aulas para impartir algunhas clases presenciais e unha oficina administrativa e de atención ao alumnado. Segundo por ser unha aspiración que conta co apoio firme do actual Goberno Municipal de Vigo disposto a ceder unhas magníficas instalacións (nun edificio de tres plantas rehabilitado, que conta con media ducia de aulas, salón de actos e equipamento informático) e asume un compromiso orzamentario (300.000 euros) que permitiría a súa apertura decontado en óptimas condicións. Unha solución, ademais, que contribuiría a reforzar os usos socioeducativos e culturais do Casco Vello, engadíndose a esa tupida rede de equipamentos alí ubicados formada pola Casa Galega da Cultura, Biblioteca Penzol, Biblioteca Central, Centro do Parque Nacional das Illas Atlánticas, futura Pinacoteca Galega e Instituto Camoens.

Porén, na decisión que poida adoptar a este teor o Patronato do Centro Asociado de Pontevedra da UNED (onde están presentes a Deputación Provincial, que asume boa parte do seu orzamento anual, o concello de Pontevedra e Caixanova, as tres entidades fundadoras) témome que van influír máis os condicionamentos políticos ca as razóns de planificación educativa: a futura sede da UNED no Casco Vello contaría apenas cunha aula destinada a ensinanzas preparatorias, mentres que a matriculación, as clases presenciais das ensinanzas universitarias e a celebración dos exames continuarían realizándose nas instalacións de Monte Porreiro. En definitiva, tras a polémica, as cousas continuarían practicamente coma agora, xa que esta "solución" non afectaría ao alumnado metropolitano vigués da UNED; porén, semella podería contentar tanto aos políticos vigueses e pontevedreses, despois de eles ter escenificado (algúns de forma máis afectada ca outros, especialmente Telmo Martín, candidato do PPdeG a ocupar a alcaldía da praza de España, que decontado apupou o pontevedresismo de estirpe) a defensa dos intereses de cadansúa cidade.

Estoutro conflito "Vigo versus Pontevedra", ao que tan afeitos estamos se repita cando hai necesidade de ofrecer un servizo máis próximo aos cidadáns (sexa a creación dunha Oficina da DGT ou unha nova Sala da Audiencia Provincial) ou se escenifique baixo a fórmula da creación da "quinta provincia", remite a necesidade de abordar de vez a nova organización territorial do país, unha cuestión política fulcral que supoñería o deseño dun novo mapa municipal, coa conseguinte constitución de áreas metropolitanas ou rexións urbanas nuns casos, e a creación de comarcas e a redución de municipios noutros.

Sen solucionar o modelo de organización territorial, que terá consecuencias sobre a organización administrativa e a representación política, non hai posibilidades de abordar en Galicia un debate racional sobre o reordenamento (imprescindible en tempos de crise) dos servizos públicos, sexan os que proporciona os aeroportos (todos os tres con dificultades de crecemento e competitividade), as universidades (todas as tres con problemas endémicos de financiamento), ou os criterios para deseñar novas infraestruturas urbanas e interurbanas, dende o transporte metropolitano á rede comunicación ferroviaria de velocidade media.

Nese novo modelo superador de localismos e privilexios decimonónicos é no que deberiamos situar a creación dunha sede da UNED no Casco Vello que proporcionase servizos de proximidade a unha grande parte do alumando do centro asociado da UNED da rexión urbana viguesa. Nese modelo, Vigo e Pontevedra deberían funcionar como senllos polos urbanos complementarios e hipercomunicados dunha rexión urbana única que aspira a converterse no centro de referencia do suroeste da fachada atlántica europea.

bretemas@gmail.com