Seiscentas persoas chegadas a Compostela dende os cinco continentes, convocadas polo lema "A forza das minorías", debateron no 32º Congreso do IBBY arredor do papel transformador que estes colectivos poden desempeñar nun mundo que se presenta cada vez máis homoxéneo e desigual. IBBY (International Board of Books for Young People), entidade sen ánimo de lucro formada por persoas de setenta países que comparten o obxectivo de promover a lectura na infancia, concedera hai seis anos a organización do seu 32º congreso á OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil), que a súa vez confiou a Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) a responsabilidade de xestionar un completísimo programa de máis dun centenar de eventos. Unha cita literaria moi cosmopolita que coincidiu coa celebración do Ano Santo e co significativo cincuenta aniversario da aparición de "Memorias dun neno labrego", a novela de Xosé Neira Vilas publicada en Bos Aires o 5 de xaneiro de 1961 (mais sabemos impresa nos últimos meses do ano anterior) pola editorial Follas Novas, considerada como a peza alboral moderna deste xénero en galego.

A historia da nosa LIX é un exemplo máis da forza transformadora das minorías. Dende o libro fundacional protagonizado por Balbino, que houbo agardar tempo para poder ser publicado en Galicia por Edicións do Castro, até a celebración deste tan exitoso IBBY 2010 foron moitos os esforzos e angueiras das persoas que xuntas percorreron un vieiro concibido para inventar o valor da lectura en galego como alicerce da formación en igualdade para cada nova xeración de noso. Non foi outra a intención que moveu a Manuel María a escribir "Os soños na gaiola" (1968), o noso primeiro poemario infantil ou a Carlos Casares "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas" (1973), a primeira peza de teatro infantil. Esa mesma intencionalidade compartiron as pioneiras coleccións estables de literatura infantil e xuvenil en galego ("Arroás" e "Xabarín" de Xerais e "Textos" de Vía Láctea) ou os primeiros certames literarios do xénero ("Merlín" e "Barco de Vapor") aparecidos nos anos oitenta, coincidindo co inicio do período autonómico, ao abeiro dos consensos forxados arredor do estatus do galego e da promoción inequívoca da nosa cultura.

Mais foi ese soño teimoso normalizador dos membros da Xeración Lamote –un extraordinario grupo formado polos até agora catro premios nacionais de LIX (Paco Martín, Xabier DoCampo, Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey) e por unha nómina de autores e autoras recoñecidos por numerosos premios internacionais (Antonio García Teijeiro, Gloria Sánchez, Marilar Aleixandre, Miguel Vázquez Freire, An Alfaya, Xosé Antón Neira Cruz…)– o que apoiado polo traballo do profesorado resultou fulcral na década dos noventa para situar a LIX galega nas preferencias do noso lectorado, abrindo ao tempo moi amodiño unha xanela no eido internacional. Labor ao que non foron alleos, tampouco, os talentosos membros da xeración Xofre (Xan López Domínguez, Miguelanxo Prado e Fran Jaraba), á que se sumaron outros ilustradores (Maife Quesada, Xosé Cobas, Fino Lorenzo…) cuxo traballo facilitou que co comezo deste século XXI abrollase con fulgor descoñecido esa idade de ouro do álbum ilustrado do grupo Kalandraka, que acadou os dous primeiros premios nacionais neste xénero (Óscar Villán, Federico Fernández...). Uns e outros conseguiron que a LIX de noso xa contase no mundo.

Os datos máis recentes do mercado interior da LIX en galego falan por si sós das dimensións deste soño de papel: o 32,6% (418) dos títulos editados en galego, o 35,7% dos exemplares producidos (759.000) e o 18,2% da facturación (4 millóns de euros anuais), contando cun catálogo que xa supera os tres mil títulos (unha terceira parte de todo o editado en galego). Sendo tamén moi esperanzador que na última década este sector comezase a proxectarse cara o mercado exterior, aumentando de forma significativa o número de autores e títulos traducidos, así como a presenza do álbum ilustrado de editoras como Kalandraka, OQO ou Nova Galicia nas feiras internacionais do libro europeas, americanas e asiáticas.

Hoxe o libro infantil galego ten problemas e retos que afrontar, singularmente no que atinxe ao seu tránsito cara á comunicación dixital e á consolidación do emprego vehicular do galego entre os seus usuarios; porén, é xa un feito admitido que constitúe unha garantía de coidado e calidade na edición e de excelencia literaria e artística. Como tamén o é a madurez que demostrou o sector no seu conxunto (autores, editores e mediadores) para organizar este IBBY 2010, un congreso internacional moi digno neste tempos de axustes e redución dos patrocinios. Senllos éxitos colectivos forxado polo poder transformador que pode supoñer as minorías. Temos motivo para estar razoablemente satisfeitos con este éxito da LIX galega.