30 de agosto de 2010
30.08.2010
Faro de Vigo
Campo de Granada

O curso da crise

Manuel Bragado

30.08.2010 | 08:30

O cambio que prometía a mudanza do milenio chegou case cunha década de retraso. Aquel famoso "efecto 2000", que agoiraba a paralización dos ordenadores, quedou en auga lavada até a catástrofe que sobre os mercados financeiros provocaron as hipotecas de alto risco sen garantías abondas (as famosas "subprime") e os "bonos lixo". Corría o mes de setembro de 2007, comezaba a crise do capitalismo financeiro da globalización, e posiblemente supoñía o inicio real das mudnazas do novo século.
Nas promesas de refundación do capitalismo (Sarkozy dixit) e da súa arquitectura financeira acuñadas entón polos membros de G-20, nas políticas de investimentos públicos dos estados para evitar a recesión da economía (a doutrina Krugman) ninguén acredita hoxe. Despois de que algúns importantes bancos fosen literalmente rescatados polos fondos federais que limparon os seus "activos tóxicos" e cubriron os seus fallidos, a doutrina mudou radicalmente e volve impoñerse o criterio dos mercados que sabemos controlan as axencias de cualificación, as mesmas que avalaron desfeitas anteriores. Esquecido xa en Europa o modelo de "refundación do capitalismo" en apenas uns poucos meses os cidadáns contemplamos atónitos como se pasou da necesidade imperiosa de que os estados achegasen fondos ao sistema financeiro á doutrina actual de redución radical do déficit como primeira prioridade das políticas públicas. Da doutrina do rescate dos bancos pasouse ao do rescate dos estados, colocando a Grecia, Portugal e España no punto de mira. Ningún país ou analista puido poñer chata ningunha.
O máis grave do asunto é que a opción escollida (non sabemos exactamente por quen e onde) para saír desta primeira crise económica do capitalismo da globalización, supoñerá importantes renuncias para os cidadáns europeos, sobre todo para aqueles máis humildes. Presentadas como imprescindibles e únicas as políticas draconianas de redución do déficit, a menos que o país queira ser declarado en quebra polas axencias de cualificación responsables da valoración dos seus bonos soberanos, todo o público –dende os servizos sociais, sanitarios, persoais e educativos, pasando polas polas actividades culturais e deportivas, até o desenvolvemento das infraestruturas– se presenta agora como o principal causante desta crise. Outra volta, non hai outra saída para a cidadanía (nin alternativa política viable) que aceptar sen rechistar os recurtes orzamentarios das políticas públicas que reducirán algunhas das comodidades e conquistas da chamada "sociedade do benestar" da que comezamos a gozar nas dúas derradeiras décadas. En román paladino, a que comezou hai tres anos como crise financeira das subprime pagarémola a escote os cidadáns europeos (os que teñan a fortuna de contar con traballo) durante as vindeiras décadas, o que suporá mudanzas que nin sequera podemos albiscar, mais que sen dúbida requerirá unha importante redución do noso consumo. A partir de agora ningúen nos poderá asegurar que camiñemos cara unha sociedade de maior igualdade e benestar da que hoxe gozamos.
Concibida así a saída da crise, a marxe de actuación dos gobernos da Unión Europea está sendo moi estreita. Zapatero resistiuse durante un tempiño a aceptar esta doutrina da ditadura dos mercados, impulsada polos intereses alemáns, mais agora como Saulo camiño de Damasco se presenta de forma salvadora como o primeiro impulsor das reformas (son recurtes sociais) do mercado de traballo (con case catro millóns de parados) e das pensións e, quizais se ten tempo na lexislatura, no futuro das políticas de copagamento dos servizos sanitarios e do emprego das infraestruturas.
Mágoa para o actual presidente que quizais non conte con tempo abondo para que semellante papelón, que lle custará termar dunha folga xeral o 29 de setembro, se vexa recoñecido nas cifras macroeconómicas, as únicas que para os mercados sinalan a saúde do sistema. É unha hipótese non descartable que diante da imposibilidade de atopar a alguén con xenerosidade abonda para apoiar os orzamentos da crise (as minorías vascas e canaria semellan que desta volta renunciarán a facelo) se vexa na obriga de convocar eleccións xerais anticipadas coincidindo co remate deste difícil 2010. Unha solución de urxencia que, sen dúbida, por fin levaría á Moncloa a Mariano Rajoy, de quen sabemos pola magnífica entrevista de FARO DE VIGO comezou en Sanxenxo a argallar a lista do seu primeiro goberno. A pesar do alivio que isto supoñería para a urdime mediática da dereita centralista, satisfeita de triunfar na súa guerra teatral contra Zapatero, a quen fixo responsable de todos os males do país, Mariano sabe que con mínimos custes políticos a saída da crise económica estaría encarreirada. Vaia chiripa!
bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook