Durante a semana viaxei case a diario á Coruña para participar nas presentacións da Feira do Libro. A verdade é que se non fose pola achega que realicei ás arcas de Audasa -os horarios de Renfe non permiten, aínda, ir e volver dende Vigo en tren-, non tería razón ningunha para me queixar, xa que os actos estiveron arroupados por un público moi numeroso que acudiu ao noso chamado. Contrasta este pulo da feira coruñesa, que esta semana enlaza con “Viñetas dende o Atlántico”, o prestixioso salón internacional do cómic, coa baixa da audiencia da Feira do Libro de Vigo que este verán, outra vez máis, volveu esmorecer na Praza de Compostela.

A Feira do Libro da Coruña contou nesta edición con 44 expositores e un programa de 50 actos literarios, calculándose que foi visitada por cen mil persoas; tres cifras que a converten no evento cultural (non só literario) máis frecuentado do ano en Galicia e nunha das primeiras feiras do libro da península. Un éxito popular ao que non parecen ser alleos nin o labor cotiá da rede de librarías culturais coruñesas (consideradas como unha das mellores de España) nin o fértil traballo municipal realizado dende hai dúas décadas no eido bibliotecario, actualizado agora no programa “A cidade que le” que dende a concellaría de Cultura coordina e apoia todas as iniciativas arredor do fomento do libro e da lectura.

A Coruña conta hoxe cunha modélica rede municipal de sete (si, sete) bibliotecas públicas (en construción a oitava no Centro Cultural e Cívico Ágora) que contan con 66.000 socios (un 26,8% da poboación, unha das porcentaxes máis elevadas de España) e case novecentos mil visitantes anuais. Na Coruña realízanse cada ano cinco (si, cinco) feiras do libro con apoio municipal: as das fins de semana do 23 de abril e do 17 de maio, a feira da primeira decena de agosto, a da Rúa do Cómic (coincidindo, tamén ne agosto, co “Viñetas”) e o “Culturgal”, a feira das industrias culturais, no mes de decembro. O programa coruñés inclúe, ademais, moitas outras actividades de promoción da lectura e da literatura, como encontros con poetas, apoio ao funcionamento dos clubs de lectura ou roteiros literarios.

Vigo, a pesar de ser a capital editorial de Galicia (xa que é onde máis libros privados se editan e onde radican algunhas das primeiras editoras galegas), presenta déficits importantes no que atinxe á política pública de lectura. A crise (nunca resolta) da Feira do Libro viguesa é o síntoma deste estado carencial, que afecta con especial intensidade ao eido bibliotecario. Tras tres décadas de desinterese por parte do concello de Vigo, anúnciase para finais do verán a apertura da primeira biblioteca pública de barrio (levará o nome de Xosé Neira Vilas) na avenida Martínez Garrido, financiada ao abeiro do Plan E. Unha excelente noticia que debería supoñer o inicio dunha rede máis ampla, mais que non agocha a incapacidade do actual Goberno Municipal de manter aberta a valiosa Biblioteca da Escola de Artes e Oficios ou atoparlle ubicación á Biblioteca Pública do Estado que, dende hai tres anos, pretende construír en Vigo o Ministerio de Cultura. Están fundados os temores dos que, diante dos recortes de investimentos públicos, agoiran un futuro incerto para esa Biblioteca Pública do Estado que en Vigo semella non ter ubicación ningunha? Como sucede tamén co albergue para persoas sen teito ou coas instalacións para aloxar á Policía Municipal ou o Parque de Bombeiros, o concello de Vigo, a pesar de ter aprobado hai pouco tempo un Plan Xeral de Ordenación Municipal, carece dun instrumento eficaz de planificación para a ubicación destas dotacións sociocomunitarias, que quedan ao abeiro da improvisación ou do complexo proceso de negociación entre os partidos da coalición do goberno municipal.

Este comportamento tan diferente entre A Coruña, unha cidade que le, e Vigo, unha cidade que (coma os nubeiros) nalgunhas ocasións deslé, só parece explicable por razóns do enfoque da súa política sociocultural. Desde hai máis de dúas décadas, a lectura forma parte da axenda política municipal coruñesa, que nun planificado traballo a longo prazo conseguiu desenvolver unha rede de bibliotecas e unha rede de museos educativos públicos, integrados nun modelo de dotacións sociocomunitarias municipais descentralizadas (os chamados “forums metropolitanos”). Pola contra, os diversos gobernos municipais vigueses preferiron investir noutro eido das políticas sociais e, sobre todo, apoiar a construción nos barrios de custosos equipamentos das entidades veciñais.

Mentres o fomento da lectura pública non entre a formar parte da axenda política viguesa, moito me temo que Vigo non poderá ser considerada “unha cidade que le”. En cuestión tan decisiva, o coruñés é un modelo que eu non dubidaría en emular.

bretemas@gmail.com