Foi Jorge Valdano quen acuñou que "o fútbol é un estado de ánimo". Unha oración afortunada para expresar que o fútbol é un deporte cuxo resultado depende da combinación de dous factores, a enerxía e a tensión. Cando os futbolistas combinan na lameira as máis altas doses de enerxía (atención, afouteza, coraxe, forza…) cos niveis máis baixos de tensión e nerviosismo (estados de acougo, tranquilidade e confianza) obterían os mellores resultados, xa que con esta combinación cometerían un menor número de erros non forzados e, ao mesmo tempo, utilizarían as estratexias de maior creatividade.

Ese estado de ánimo, caracterizado por idénticas doses de enerxía e de acougo, foi o que permitíu ao equipo do noso admirado Vicente del Bosque desenvolver un xogo bonito e eficaz que o colocou na cimeira mundial. Mil millóns de espectadores comprobaron como na final aos xogadores laranxas faltáronlles doses de acougo, excedéndose na cantidade de enerxía utilizada, até acadar niveis antideportivos. Pola contra, o éxito dos pupilos de don Vicente foi construído durante esas dúas horas nas que nunca perderon o acougo, agardando o alustro decisivo aproveitado por Iniesta. O estourido de ledicia que supuxo este gol tivo un carácter finito, a pesar de que fose capaz de contaxiar entusiasmo a milleiros de persoas implicadas emocionalmente cos gañadores, fose por razóns atribuíbles a sentimentos de pertenza ou pola posibilidade de participar nun acontecemento colectivo considerado como memorable.

Fronte a este "estado de ánimo" existe o "estado de desánimo", un estado emocional caracterizado por un acusado desequilibrio entre os niveis máis baixos de enerxía e as doses máis elevadas de nerviosismo. Foi o que viviu o equipo neerlandés tras encaixar o tanto de Iniesta. Aquel conxunto que até a segunda parte da prórroga repartira leña a esgalla e creara moito perigo, quedou de súpeto inane, incapaz de reaccionar, sometido aos efectos paralizantes dun estado de desánimo que xa non tivo oportunidade de abandonar no que restaba de tempo de xogo. Este modelo interpretativo dos estados emocionais transitorios, xerado pola psicoloxía clínica, tamén é útil para tomar a temperatura do propio país.

Galicia é un estado de ánimo ou de desánimo? Magoadamente, creo que no caso noso este diagnóstico intuitivo non ofrece moitas dúbidas: son maioría abrumadora os indicadores que provocan hoxe na cidadanía un profundo desasosego. É un feito irrebatible que a crise económica do capitalismo deita os seus efectos demoledores sobre os máis humildes incrementando as cifras do desemprego en Galicia até máis do 15% da poboación activa, ameazando as conquistas sociais acadadas na sanidade, educación, xubilación e dependencia. Como tamén expresan un devalo colectivo as cifras demográficas nas que non se albisca posibilidade de repunte a curto prazo e a sangría da emigración da xeración de mozos e mozas mellor formados da nosa historia aos que non soubemos ofrecerlle a posibilidade de construír as súas vidas no propio país. Alarmas que, coa honrosa excepción da fusión da chamada Caixa Breogán, contrastan coa paralización sine die das reformas imprescindibles que o país precisa na súa organización territorial ou na modernización e innovación dos seus sectores básicos. O balance é desolador: Galicia vive sumida nun estado de desánimo profundo, un estado transitorio que debemos evitar se transforme nunha doenza crónica.

Boa parte deste estado de desánimo ten as súas raíces no fracaso do modelo de desenvolvemento utilizado polos diversos gobernos (conservadores case sempre) en tres décadas de autonomía. Fracaso incrementado polo Goberno actual que no seu primeiro ano foi incapaz de liderar unha estratexia propia que fixese fronte aos efectos da crise económica en Galicia, ocupándose, sobre todo, das tarefas deconstrutivas das trabes consensuadas durante tres décadas sobre o estatus da lingua galega e de renunciar ao desenvolvemento do noso lexítimo autogoberno. Mais tamén a oposición ten a súa cota de responsabilidade na xestación deste desánimo, xa que, máis alá de apoiar de forma exemplar a defensa dos consensos acadados arredor do idioma, non foi quen aínda de presentar á sociedade un proxecto alternativo capaz de sacar ao país do recanto da historia onde sempre semella ficar paralizado.

Á altura deste 25 de xullo, Galicia precisa unha inxección de entusiasmo e autoestima. Galicia precisa de doses elevadas de enerxía e tensión (traducidas politicamente en "autogoberno e consensos") que permitan recuperar un estado de ánimo á altura das nacións do seu entorno que, como demostrou Cataluña recentemente, non se resignan a que outros decidan por elas. Eis un desafío para mudar o noso estado emocional.

bretemas@gmail.com