O 7 de agosto de 1924 dous pasaxeiros americanos do “SS Rousillon” desembarcaron no porto de Vigo. Ruth Matilda Anderson e o seu pai, Alfred Theodor Anderson, iniciaban así unha viaxe dun ano por Galicia enteira -desenvolvendo o proxecto da Hispanic Society of America, o museo e biblioteca novaiorquino onde Ruth traballaba como fotógrafa, fundado polo mecenas Archer Milton Huntington- coa intención de realizar co maior verismo unha colección de fotografías sobre a vida, os costumes e os monumentos da Galicia “profunda”. Froito daquela primeira viaxe, na que pai e filla utilizaron os poucos medios de transportes existentes (unhas veces foron en carrilana, noutras nos primeiros coches de liña de Castromil, mais tamén dacabalo e a pé), e doutra viaxe posterior, realizada entre novembro de 1925 e marzo de 1926 nun automóbil alugado e na compaña dunha colega, Frances Spalding, Ruth reuníu 5.249 pezas e mercou 861 a fotógrafos locais (Ferrer, Pacheco, Ksado, Pintos, Caamaño, Sarabia, entre outros) que constitúen o arquivo fotográfico de imaxes existentes sobre a Galicia da segunda década do século XX máis amplo, diverso e valioso. Unha escolma deste arquivo documental, conservado en Nova York, foi preparada por Miguel Anxo Seixas nunha formidable exposición “Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia” que se puido visitar durante varios meses na sede coruñesa da Fundación Caixa Galicia.

Case medio milleiro de cartaces en branco e negro e vinte e cinco autocromos a cor, pezas todas elas de grande calidade técnica, concibidas na estética pictorialista-documentalista da época cunha eficacia compositiva notable, permiten realizar unha viaxe pola memoria visual da Galicia dos anos XX, unha sociedade en profunda transformación, onde convivían os sinais inequívocos de modernización e crecemento económico, tan presentes nas nosas cidades marítimas con incipiente vocación industrial, coas características de permanencia propias dunha sociedade agraria case medieval cunha forte dependencia da igrexa. Anderson soubo captar con idéntica sensibilidade as dúas facianas dun país no inicio dun tránsito profundo, fose a dignidade daquel condenado á miseria, nalgúns casos, mesmo á fame, á emigración e á opresión lingüística, fose o entusiasmo daqueloutro que non perdeu nunca a ilusión e semellaba quen de enxergar un horizonte de modernidade e progreso da man dos seus emprendedores urbanos, marítimos e pesqueiros, ao que non resultaban alleos os promotores do incipiente movemento galeguista organizados arredor da revista “Nós” e doutras publicacións máis vangardistas como “Ronsel” ou “Alfar”.

Na exposición de Anderson podemos atopar o seu grande interese polas formas populares e tradicionais da indumentaria e o predominio de escenas da vida agraria e mariñeira, característica dun país de dous millóns de habitantes, dos cales o 80% estaba vencellado ás actividades do sector primario. Porén, sendo unha coidadosa fotoetnógrafa que documentaba cada foto e que soubo traducir ao inglés textos de Rosalía de Castro e dos nosos poetas medievais, ofreceu tamén unha visión monumental de Galicia, cunha forte presenza das tipoloxías da nosa arquitectura popular, hoxe practicamente desaparecida, e do emerxer das nosas cidades nas que comezaba a configurarse a súa fasquía urbana actual. No entanto, o miolo da ollada de Ruth atópase nas fotografías referidas a costumes, festas e ritos, onde comprobamos como quedou rendida diante da dignidade da ollada dos humildes galegos. Velaí pezas memorables como as de picariños descalzos xogando á chave ou das nenas de Ézaro sentadas ao pé do lume, eis os retratos dos mariñeiros, manteigueiras ou vendedoras de castañas, xentes moi humildes que expresan con orgullo a súa dignidade seguros do que son.

Magoadamente a exposición das fotografías de Ruth Matilda que se inaugurou esta semana na sede da Fundación Caixa Galicia en Vigo apenas recolle unha parte da presentada na Coruña. A pesar diso, a mostra viguesa ten enorme interese, sobre todo no que atinxe a reparar nas vistas da cidade dende a ría, a impresionante estrutura pétrea da construción do teatro García Barbón ou o perfil da rúa Carral sobre o porto, aínda ben conservado na actualidade. Completan as imaxes viguesas realizadas por Ruth as casas de mariñeiros do Berbés, nas que os soportais se utilizaban para gardar as embarcacións, un par de autocromos a cor dos xardíns da Finca da Marquesa (pezas extraordinarias para a cidade nosa), un retrato dunha vendedora de polos, así como unha reportaxe de cinco pezas tiradas o 17 de agosto de 1924 na festa de San Roque. Motivos máis que suficientes para visitar devagariño tan interesante exposición sobre o que é o celme de nós.

bretemas@gmail.com