Vin por vez primeira a Camilo Nogueira nun mitin do BN-PG realizado no Pavillón de Santiago na campaña das eleccións Xerais do 15 de xuño de 1977. Naqueles primeiros comicios, celebrados despois de corenta anos de ditadura, varreu o centro e a dereita en Galicia, que obtiveron 24 dos 27 deputados (os tres restantes corresponderon ao PSOE), mentres que os nacionalistas galegos, que se presentaban en dúas candidaturas (PSG e BN-PG), se repartiron 60.000 votos. Tres décadas despois daquel acto marcante para min –no que lembro a Nogueira falando con enorme convicción e entusiasmo dunha Galicia que para el debería ser "coma Holanda ou Dinamarca", o que entón constituía unha utopía (aínda que razoable)–, a súa traxectoria intelectual e política foi unha das máis relevantes do noso tempo, un vértice desa trepia de ouro, da que forman tamén parte Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé Manuel Beiras, as tres figuras que forxaron o pensamento e a praxe política do nacionalismo galego contemporáneo.

Fillo do lugar dos Romanciños, no barrio de Riomao do antigo concello de Lavadores, Camilo foi educado na tradición campesiña e obreira dunha familia popular de tradición republicana. A súa nai, modista, e o seu pai, o escultor Nogueira, membro da xunta directiva do grupo de Vigo do Partido Galeguista, inculcáronlle un grande afán de superación. Das aulas da Academia Victoria de Príncipe pasou ás do Instituto Santa Irene, obtendo sempre as mellores cualificacións, o que non impediu que o xove Lucho desenvolvese unha brillante carreira deportiva no Estudiantes, campión de España de segunda categoría de baloncesto en 1956.

Tras rematar os estudos universitarios en Madrid, entrou a traballar na factoría de Citröen de Balaídos como enxeñeiro industrial en 1964, da que sería despedido tras a folga do setenta e dous, na que foi detido e torturado como outros traballadores. Foi durante este período cando como presidente da Asociación Cultural de Vigo promoveu, entre outras moitas iniciativas, as primeiras campañas de galeguización coa distribución dos famosos autocolantes para os automóbiles de "Falemos galego" e fundou con outros compañeiros da factoría a organización "Galicia Socialista, un grupo político sindical que daría orixe ao sindicalismo nacionalista e que acabou fusionándose en 1971 coa UPG.

Tras este período laboral vigués, trasládase a Santiago, onde dirixirá dende 1973 o departamento de promoción industrial de SODIGA. Coincidindo co proceso de Reforma Política, participa na creación da ANPG, na redacción das bases constitucionais do Consello das Forzas Políticas e forma parte do chamada "Comisión dos 16", creada coa intención de redactar o primeiro borrador dun Estatuto de Autonomía para Galicia. Coincidindo co inicio da Autonomía, Nogueira encabezou os partidos vinculados ao pensamento do socialismo nacionalista (POG, EG e PSG-EG), sendo elixido para formar parte do Parlamento Galego durante catorce anos (entre 1981-1993 por Esquerda Galega e entre 1997-1999 polo BNG), concelleiro do concello de Vigo e, xa neste século, como deputado do Parlamento Europeo polo BNG.

Ademais de participar no complexo proceso de reconstrución organizativa do nacionalismo galego, hoxe aínda inconcluso, a achega política esencial de Nogueira foi a de liderar a modernización do proxecto nacional galego, propoñendo un amplísimo programa de transformacións necesarias para un país que el sitúa no mundo sen mediacións políticas estatais sacralizadas. Nese terreo as súas achegas, recollidas tanto na súa intensísima actividade parlamentaria –foi sempre un deputado fecundísimo– como nunha vizosa actividade ensaística, son as dun auténtico xigante.

Nogueira acredita nas posibilidades de Galicia como nación política con todas as consecuencias, acepta a responsabilidade de valerse economicamente, asume a interdependencia que se impón as entidades nacionais e estatais no marco europeo e recoñece a lingua galega como nacional e universal. Ofrece así unha proposta de nacionalismo desmitificadora que concibe o mundo desde a Terra nosa, en dialéctica permanente coas circunstancias de cada tempo da historia. Como ben sinalou o seu biógrafo Suso de Toro, no nacionalismo de Camilo acrisólase a practicidade intuitiva e o sentido táctico de Alexandre Bóveda, aberta ao seu tempo e ao conxunto da sociedade, coa paixón nacional de Castelao, pacífica e entusiasta até o lirismo. Así o coñecimos, cada vez que tivemos a fortuna de traballar ao seu carón, práctico e apaixonado, lírico e épico a un tempo, teimudo e paciente.

A homenaxe que Camilo Nogueira recibiu onte en Padrón, cando recolleu o Pedrón de Ouro 2010, recoñece esta súa extraordinaria traxectoria de compromiso con Galicia.

bretemas@gmail.com