Celebramos o Día das Letras Galegas, dedicado á figura de Uxío Novoneyra, e o “Día de Internet” ou “Día Mundial das Telecomunicacións e Sociedade da Información”, efeméride promovida pola ONU coa intención de achegar a toda a cidadanía os beneficios de Internet e das tecnoloxías da comunicación. Unha coincidencia ventureira para a nosa lingua que pode ampliar nesta súa xornada primeira de festa o perímetro do seu abrazo, vencellándose máis estreitamente coa innovación e incorporando ao seu uso tanto á xeración de nativos dixitais como a daqueloutros nómades que utilizamos estas ferramentas comunicacionais. No 17 de maio, pois, o idioma galego e a comunicación dixital van gozosamente da man enxergando o horizonte dunha travesía que queren compartida. Máis alá desta coincidencia esperanzadora, non podemos agochar que o galego vive este dezasete un dos seus momentos máis decisivos.

É un feito innegable que dende o mes de febreiro do pasado ano, sectores negacionistas, minoritarios pero moi activos e influíntes sobre algúns responsables do Partido Popular de Galicia, acosan de forma planificada e teimosa a nosa lingua coa intención de reducir o seu emprego no sistema educativo non universitario e a súa utilización na vida social e institucional, esixindo o abandono do consenso político e social sobre a necesidade da súa normalización forxado ao longo de tres décadas de Autonomía.

Ao xeito que as porcentaxes sobre uso e coñecemento do galego máis recentes, achegadas pola “Enquisa de condicións de vida das familias 2008” do Instituto Galego de Estatística, son moi preocupantes. Datos que volven corroborar que se ben hai unha maioría da poboación que fala (un 56,4%) e sabe (un 89,1%) galego, sofrimos un proceso de substitución lingüística polo castelán. Nos cinco últimos anos diminuíu o seu emprego oral en cinco puntos, un dato ao que tampouco é alleo o proceso de castelanización das sete cidades (todas elas por baixo da media galega, repárase que en Vigo falamos galego apenas o 24,8% e sabemos falalo o 75%). Unha mudanza lingüística que se agrava de forma alarmante entre os nenos e adolescentes (5-14 anos) onde apenas o 26,1% utiliza o galego de forma habitual, a pesar de que o 83,6% saben falalo. Cifras moi contraditorias sobre o uso e coñecemento da lingua propia da primeira xeración galega do século XXI que exemplifican o momento fulcral no que se atopa o futuro da nosa lingua milenaria onde tanto pode producirse un devalo crítico que a leve a súa desaparición inevitable nun par de xeracións ou pode, como cremos que é perfectamente viable, continuar con éxito ese proceso histórico e complexo de recuperación do seu uso en todos os eidos da vida social nun contexto de sociedade plurilingüe.

Ese futuro vai depender de nós. O futuro do que lle aconteza a esa lingua na que residimos como pobo (dixo Novoneyra) está nas mans da cidadanía deste país, se o queremos continuar chamando Galicia. Este futuro é unha cuestión estratéxica que require tanto as maiores doses de acordo entre as forzas políticas e entidades sociais, como a creación dunha nova civilidade arredor do uso do seu idioma. O galego é a nosa forma de estar no mundo, o mellor xeito que temos de abrazar, de expresar o noso agarimo e a nosa leal discrepancia. Velaí o fulcral do dilema político actual arredor do idioma. Ou recuperamos as políticas de consenso forxadas no Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 e actualizamos e desenvolvemos cada unha das súas medidas, creando así unha nova civilidade para unha lingua que sabemos é de todos, ou xebramos de vez a baralla e transformamos as políticas lingüísticas en liñas de confrontación política e o que sería aínda máis lamentable, de separación e confrontación entre os propios cidadáns galegos.

Velaí a importancia de resolver o conflito aberto sobre o modelo de normalización lingüística no ensino, un eido determinante para poder aspirar a recuperar falantes e modificar algunhas das actitudes e prexuízos existentes sobre o uso do galego. No que faga a Xunta de Galicia co seu chamado “Decreto de Plurilingüismo” -rexeitado de forma unánime polos ditames da Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, Consello Escolar de Galicia e esta semana polo presentado polo Consello Consultivo de Galicia (un órgano técnico xurídico)- estará a pedra de toque do seu modelo de política para o galego. Alberto Núñez Feijóo debe valorar as evidencias e recoñecer que o seu goberno errou. Este dezasete é a data acaída para retirar o decreto e convocar aos grupos parlamentarios a recuperar o punto de acordo no que quedaron en 2004. Sería a aperta máis sincera que o presidente da Xunta no día de hoxe podería ofrecerlle á familia de Uxío Novoneyra e aos membros da Real Academia Galega aos que acompañará en Parada do Courel.

bretemas@gmail.com