Entre os fenómenos culturais-recreativos que me rebentan, por usar un termo tan bruto como queiran, pero absolutamente sincero, está o da moda. Hai outros moitos que non comparto ou non entendo, como a música dodecafónica ou boa parte das agora chamadas instalacións artísticas. Tampouco é que me preste especialmente a ópera (sempre recordo o diálogo dunha película en que o señor lle comenta ao axuda de cámara que vai ver Cavalleria rusticana e o maiordomo contesta: "Temo non estar moi ao tanto do xénero, señor, non é aquela en que o cabaleiro protagonista descobre que a súa esposa canta con outro?") pero teño disfrutado con máis dunha representación. Pero o que me estoupa da moda é que queiran vender todos, desde quen a fai a quen a comenta, como unha arte o que non debería deixar de ser –e non é pouco-- máis ca deseño industrial, por moi creativo que sexa.

Postos a poñer exemplos, non me estou referindo ao que fai Ágata Ruiz de la Prada, que non é outra cousa que promover unha imaxe esperpéntica dela mesma para logo sacar os cartos vendendo pratos, libretas e mandilóns para nenos. Falo de caraduras como o tal Davidelfín, (antes David Delfín), que conseguiu o favor dos palmeros da moda hai uns anos cun escándalo, como é preceptivo no sector. En plena polémica sobre o burka e outras modalidades do sometemento das mulleres, o tipo argallou un desfile no que as modelos ían encarapuchadas e cunha corda ao pescozo. O máis pavero do caso é que cando se armou a que se armou, o artista, no canto de enfiar o habitual discurso-exculpatorio de que o que pretendía era denunciar a tal situación de sometemento e sacudir as conciencias poñéndoa en evidencia, choromicou todo azorado que non entendía o escándalo que se producira, co que conseguíu o apoio –con bastantes doses de maternalismo-- da crítica, que o defendeu ardorosa e unánime de tanta incomprensión e de tanto paletismo como hai por aí adiante. Nun dos últimos desfile seus, o máis resaltado non foi o que aparecía enriba da pasarela, senón quen estaba a carón del, apoiandoo entre o público: os seus amigos Almodóvar, Miguel Bosé, etc.

Xa sei que con iso, co mamoneo, non chega, que logo hai que ter oficio, pero en boa parte dos casos, os resultados dos davidelfines están pensados ante todo para os palmeros e non teñen máis recorrido –nunca mellor dito-- que a pasarela. En canto baixan dela, as propostas morren. Hai quen atribúe boa parte desas propostas a que o sector está en mans de tipos que odian ás mulleres, e teño ganas de crela sobre todo se penso na saia-pantalón. En canto aos homes, levo desde mozo lendo loas ao brillante atrevemento de Menganiño que propón saias para homes. O Davidelfín concreto, propúxoa nunha colección, para traxes de voda. Coido que nin agardando a que case Miguel Bosé o veremos fóra da pasarela e das críticas.

Precisamente por iso se inventou o concepto (un tanto despectivo ás veces) de "ponible" para distinguir os modelos que podes levar sen maiores problemas daqueles cos que saír á rúa supón convocar aglomeracións (e xa dicía Lord Brummel, o dandy considerado o árbitro clásico da elegancia, que si alguén mira o traxe que levas, é que non vas ben vestido). Exactamente o mesmo que se os arquitectos tiveran que empezar a usar o termo "habitable" para diferenciar as casas deseñadas efectivamente para vivir nelas dos proxectos de vangarda que non hai quen os habite de tan novedosos e "atrevidos". Xa o dicía outro dandy, Oscar Wilde: "A moda é sempre un esperpento tal que nos vemos obrigados a cambiala cada seis meses".

Non digo que o mundo da moda estea cheo de parvos. Por exemplo, entre as modelos, que son as que levan a fama de selo, circula a conversa, probablemente apócrifa, entre Claudia Schiffer e Noemi Campbell.

--"Parabéns, encantoume o teu novo libro. Quen cho escribiu?"-- víboreou a Schiffer

--"Alégrome que che gustara. Quen cho leu?"-- respondeulle a Campbell.

Non sei se será certo, pero si o é a confesión doutra top, Kate Moss: "Nunca desfilei sobria". Tan certo como a resposta que deu a filla de Nikita Kruschev, o líder da URSS despois de Stalin, cando nunha visita oficial de seu pai a Francia, levárona a ver un desfile de moda. "Estes traxes non se ven polas rúas en Moscú", comentoulle malevolamente un dos seus acompañantes. "Non, pero tampouco os vexo polas de París", contestou ela.