29 de marzo de 2010
29.03.2010
Campo de Granada

Reconquista popular

Manuel Bragado

29.03.2010 | 08:30

Hai hoxe douscentos un anos zarparon da praia do Berbés as fragatas inglesas "Lively" e "Venus" cargadas con milleiro e medio de prisioneiros franceses que quedaran ao mando do velliño comandante Chalot. Vigo, daquela unha próspera vila mariñeira que contaba xa con dez mil habitantes e un comercio portuario internacional incipiente, tras dous meses de ocupación e enormes sufrimentos da súa poboación, convértese na primeira praza europea capaz de liberarse das forzas do poderoso exército napoleónico que aquí mandaban os mariscais Soult e Ney.
Os feitos ocorridos entre o serán do 27 e do 28 de marzo daquel ano de 1809, protagonizados pola paisanaxe da vila e comarca viguesa e lembrados dende entón cada ano na "Festa da Reconquista" constituíron o verdadeiro símbolo da guerra galega de liberación contra os franceses e o primeiro sinal de identidade de Vigo, a quen por semellante proeza o Consello de Rexencia expedirá o 10 de abril de 1810 o título de "cidade", co lema "Cidade fiel, leal e valorosa".
Investigacións moi recentes, publicadas por Edicións Xerais de Galicia con motivo do bicentenario daquela liberación, como as do xornalista Eduardo Rolland ("Reconquista. Vigo en armas") e as do profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández ("Historia Social da Guerra da Independencia en Galicia") desmenten algúns mitos e imaxes erradas sobre os acontecementos, algúns froito da historiografía romántica decimonónica, outros orixinados por interpretacións da historiografía centralista que a conciben como unha guerra nacionalista española, a denominda "Guerra da Independencia", esquecendo completamente o que sucedeu en Galicia.
Ambas as dúas investigacións salientan, en primeiro lugar, o carácter netamente popular desta revolta fronte a un invasor que camiño de Portugal e no marco da guerra anglo-francesa non tivo reparos en queimar vivendas, saquear os víveres, violar as mulleres ou asasinar a nenos e maiores. Fronte a esa barbarie dos defensores dos valores republicanos, en Galicia foi o pobo do común, cunha importante participación das mulleres (case sempre ocultas para a historiografía), movido pola súa dignidade e organizado en alarmas baixo o caudillato de cregos e fidalgos, quen loitou contra os invasores franceses contando só coa axuda proporcionada nalgunhas oportunidades polos ingleses, que pretendían abrir para o comercio algúns portos da península, como o de Vigo, e romper así o duro bloqueo económico que o goberno napoleónico exercía sobre eles.
Foi, pois, en ausencia dun auténtico poder militar (o exército que mandaba o famoso Marqués da Romana moi pouco pintou nesta lea), decisivo para botar aos franceses de Galicia en apenas sete meses o espectacular funcionamento das alarmas, un sistema defensivo que existía dende o século XVIII para a vixilancia da costa galega e da raia con Portugal. Foron alarmas, como as do Deza, Caldas ou Arousa, as que pararon ás tropas francesas que dende A Coruña e Santiago pretendían axudar á gornición de Chalot, que protexía con dificultades na amurada vila viguesa a caixa do pagador do Segundo Corpo do Exército francés (117.000 francos) e o "tesouro" que as tropas napoleónicas foran rapinando nas súas campañas (entre cuxas pezas máis cobizadas poderían atoparse o propio botafumeiro da catedral compostelá e o sabre do mariscal Soult conservado no museo de Castrelos). Foron, tamén, varios "trozos", así se denominaban ás tropas populares reclutadas polos abades de Valadares e de Fragoso, os que durante quince días gañaron as posicións de Puxeiros, sobre as que se controlaba todo o Val do Fragoso, e as que mantiveron o sitio de Vigo. Como decisiva foi a achega da milicia honrada procedente do Morrazo (medio milleiro de paisanos) desembarcada en Bouzas coa protección das fragatas inglesas, un feito poucas veces salientado no relato do acontecido.
A pesar do moito que se ten avanzado no coñecemento e interpretación dos feitos da "Reconquista", como é o caso das importantes diferenzas entre os comandantes vigueses (singularmente entre Pablo Morillo e Joaquín Tenreiro Montenegro), continúan existindo zonas de sombra, como é o caso da existencia ou non de Carolo –"ese ancián mariñeiro do Berbés que caeu morto no seu empeño de deitar a machadazos á porta de Gamboa", segundo recolle Xosé María Álvarez Blázquez– do que, porén, os investigadores non atopan rastro ningún na documentación. Sexa ou non un mito, na figura dese Carolo ou desoutra Aurora (a heroína que conseguía mobilizar ás mulleres), dous dos protagonistas da escenificación popular da Festa Reconquista, atopamos a estirpe popular do fenómeno fundacional da nosa cidade. Conservar o carácter popular e participativo da Reconquista debería ser o obxectivo primeiro da festa que hoxe celebramos.
bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook