Celebramos o Día Internacional da Muller, unha efeméride centenaria recoñecida polas Nacións Unidas dende aquel 1975, “Ano Internacional da Muller”, que une a mulleres de todos os continentes na súa loita a prol da igualdade, a xustiza, a paz e o desenvolvemento. Unha celebración creada en 1909 polo Partido Socialista dos Estados e Unidos e proclamada, a proposta da comunista alemá Clara Zetkin, polas mulleres da Internacional Socialista reunidas en Copenhague en 1910, como unha homenaxe ao movemento en defensa dos dereitos da muller e como un pulo para acadar en todos os países o sufraxio feminino universal. Asumida e impulsada polo movemento feminista, a data axiña se vencellou coa dignificación das condicións de traballo das mulleres, tomando como referencia tanto a grande manifestación celebrada o 8 de marzo de 1909 no East Side de Nova York, tras unha folga de máis de 20.000 obreiras, que reclamaban melloras laborais e o dereito do voto da muller, como o tráxico incendio do 25 de marzo de 1911 no que morreron 145 traballadoras, a maioría xudías e italianas, na fábrica Triangle Shirtwaist de Nova York.

Como sinala Mónica Bar Cendón, autora de “Feministas Galegas. Claves dunha revolución en marcha” (Xerais 2010), magnífico libro que reconstrúe por vez primeira a memoria do movemento feminista galego dende a Transición, en Galicia non hai constancia da celebración da efeméride do 8 de marzo até 1977, ano no que grupos feministas como AGM ou MDM promoveron en Vigo e Santiago diversos “actos non exentos de incidentes”, como foron mitins reprimidos pola policía ou a colocación dunha grande pancarta na rúa do Príncipe pedindo “a liberación da muller”. No ano seguinte, 1978, os grupos feministas centraron as súas reivindicacións no divorcio e na denuncia das violacións e a indefensión das mulleres, e sufriron a denegación por parte do Gobernador Civil de Pontevedra do permiso para celebrar unha manifestación convocada co lema “Divorcio: dereito constitucional”.

Dende entón, a pesar de ser ocultado ou negado de xeito incomprensible, o movemento feminista impulsou os cambios sociais máis profundos acometidos na nosa sociedade nas tres derradeiras décadas. Seguindo a axenda de reivindicacións de cada 8 de marzo comprendemos as moitas dificultades na procura da igualdade real impulsada polo movemento feminista e asumida, felizmente agora, como parte do programa de profundización democrática de toda a sociedade.

Foi a loita feminista a que permitiu que contemos cunha lei de divorcio xusta, reivindicación que deu paso ao da legalización do aborto libre e gratuíto, que custou case trinta anos se concretase na lei aprobada hai quince días polo Senado. As denuncias feministas contra as discriminacións laborais e as reivindicacións de gardarías foron dando algúns froitos, o que non impediu que continuemos aínda moi lonxe de acadar unha igualdade real no eido laboral, tanto nos niveis como condicións de emprego, xa que as mulleres teñen salarios máis baixos, estatus laborais inferiores, empregos máis vulnerables e nin existe tampouco unha rede pública suficiente de educación infantil até os tres anos. Velaí como as mulleres comezaron nestas dúas últimas décadas un proceso de empoderamento irreversible, sobre todo no eido político, o que non impediu que se manteñan carencias na súa presenza nos postos directivos das empresas ou noutros de toma de decisións. Feitos en boa medida vencellados á evidencia de que as mulleres sexan aínda responsables da maior parte das tarefas “domésticas” ou dos coidados á infancia e aos maiores, unha forma desigual de compartir responsabilidades que, sen dúbida, afecta ás súas posibilidades de maior compromiso no eido laboral ou a súa implicación na vida pública.

Foi a loita feminista teimosa contra as agresións machistas a que contaxiou á indignación ao conxunto da sociedade, mais incapaz polo momento de deter unha auténtica pandemia internacional, un problema universal que, tamén, afecta a todos os países da Unión Europea e para a que non existen, aínda, políticas comúns para combatela.

A pesar dalgunhas importantes conquistas e progresos, non podemos estar satisfeitos dos resultados e a procura dunha igualdade real entre os sexos e o empoderamento da muller (utilizando os termos que emprega o terceiro obxectivo de Desenvolvemento do Milenio aprobado polas Nacións Unidas) continúan a ser os desafíos primeiros do noso tempo. O reto da igualdade real atinxe da mesma forma a homes e mulleres, é un reto da humanidade. A igualdade real de dereitos, a igualdade real de oportunidades é o único xeito de conseguir un progreso idéntico de homes e mulleres, razón pola que a celebración deste Día da Muller a todos nos afecta.

bretemas@gmail.com